Especies exóticas invasoras en Galicia
O CEIDA lanza un programa de voluntariado para eliminar especies exóticas invasoras nas Reservas de Biosfera de Galicia
O Río Arnoia (Allariz), a praia de Arealonga (Barreiros), o barrio de Montirón (Lugo), e a Costa de Dexo (Oleiros) son os espazos escollidos para levar a cabo a erradicación das especies exóticas invasoras
A iniciativa contará con voluntarios que se encargarán de levar a cabo a limpeza destas especies invasoras
09-10-2017
O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) acaba de poñer en marcha un programa de voluntariado ambiental dirixido a toda a cidadanía para a erradicación de especies exóticas invasoras no territorio das Reservas de Biosfera galegas. O proxecto forma parte da ‘Campaña para a prevención e control de especies invasoras nas Reservas de Biosfera de Galicia: No Seu Lugar’ que este ano está de desenvolver co apoio da Fundación Biodiversidad, do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente.
As especies exóticas invasoras están consideradas na actualidade a segunda causa de perda de biodiversidade a nivel mundial, tras a perda e fragmentación dos hábitats. O actual e crecente proceso de globalización e o elevado tráfico (naval e terrestre, fundamentalmente) entre distintos países e continentes, ten contribuido a aumentar de maneira significativa o fluxo de flora e fauna ao longo de todo o planeta.
No ámbito das Reservas da Biosfera galegas tamén está presente esta problemática, ameazando en moitas ocasións á conservación da biodiversidade existente nestas áreas e, con especial importancia, nos espazos naturais protexidos que configuran a súas zonas núcleo.
O programa de voluntariado ambiental para a eliminación de invasoras inclúe actividades que o CEIDA desenvolverá ao longo deste mes de outubro en catro Reservas de Biosfera galegas: RB Área de Allariz, RB do Río Eo, Oscos e Terras do Burón, RB Terras do Miño e RB Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
O fento de auga (Azolla filiculoides), a uña de gato (Carpobrotus edulis), o eixerón (Conyza canadensis) e a sempreviva (Helichrysum petiolare) serán as especies de flora que os voluntarios e voluntarias interesados en participar eliminen en cada un dos territorios seleccionados polo equipo técnico do centro de referencia en educación ambiental. O fin último do programa, ademáis de involucrar á población local de cada territorio, é concienciar a toda a sociedade sobre as ameazas e impactos que estas especies causan na flora e fauna autóctona.
A inscrición no programa de voluntariado xa está aberta, e o calendario completo de actividades pode consultarse na páxina de CEIDA