Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Eólica Así Non convoca o 23 de marzo unha concentración para denunciar o recorte dos dereitos democráticos

Os máis de 175 colectivos e entidades que conforman a Coordinadora Eólica Así Non veñen de convocar unha concentración para o 23 de marzo baixo o título “Non imos calar”! Así o veñen de confirmar nunha rolda de prensa celebrada hoxe no Edificio CERSIA (Santiago de Compostela). A manifestación, que terá lugar diante do Parlamento de Galicia e da Valedora do Pobo ás 12:00 horas, ten o obxectivo de denunciar o recorte de dereitos democráticos, promovido polo goberno da Xunta, para facilitar a autorización de proxectos eólicos e favorecer ás eléctricas. A concentración tamén servirá para instar ao goberno da Xunta a derrogar as “leis de depredación” e promover unha moratoria eólica real e efectiva.

 

Deste xeito, entidades ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais e sindicais queren denunciar con esta mobilización as trabas e dificultades ás que se ven sometidas por parte das administracións públicas para acceder á información relativa aos expedientes de proxectos eólicos, para presentar alegacións nos rexistros públicos ou para participar en condicións de igualdade nos órganos consultivos e na planificación enerxética do territorio. Segundo Belén Rodríguez, da Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), nesta vaga eólica estase a facer patente eses recortes dos dereitos de participación pública que foron fundamentalmente impulsados polo goberno da Xunta. Esta situación está obrigando aos galegos e galegas a recorrer ao amparo da Valedora do Pobo para defender os seus dereitos.

 

A Coordinadora acusa ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de promover reformas legais que son “auténticos golpes de estado” contra os dereitos democráticos de información e participación públicas. Tamén destaca que a sociedade galega está a sufrir máis que nunca as repercusións da aprobación da “Lei de fomento da implantación de inciativas empresariais” de 2017 e a “Lei de simplificación administrativa” de 2021. Eólica Así Non indica que as chamadas “leis de depredación” foron concebidas polo goberno do PP para eliminar garantías ambientais, facilitar a expropiación de terras, privatizar os recursos públicos e poñer obstáculos á contestación social. Segundo Rodríguez, ambas normativas sitúan á sociedade galega “nunha absoluta posición de indefensión e discriminación” fronte ás promotoras de proxectos eólicos.

 

O TSXG tamén acredita o déficit democrático da Xunta

 

Belén Rodríguez tamén lembra que “non só nos queixamos nós”, senón que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considerou contrario a dereito o recorte de prazos de consulta pública impulsado pola Xunta para alegar aos estudos de impacto ambiental. Con todo, a Xunta aínda non dispuxo ningunha medida de reparación legal sobre os numerosos procedementos de consulta pública recurtados en prazo e relativos a proxectos eólicos denominados de “interese especial”. Ademais, a Coordinadora resalta que, en tan só dous anos, a Xustiza (O TSXG e recentemente o Tribunal Supremo) anulou tres proxectos eólicos aprobados pola Xunta: o parque eólico Serra do Oribio, anulado ser aprobado irregularmente nunha zona de Rede Natura e contar cunha DIA obsoleta; o repotenciamento do parque eólico de Corme, por incumprir o procedemento legal de consulta pública; e o parque eólico Sasdónigas Fase I e Fase II, por ser obxecto de fragmentación ilegal.

 

A actuación da Xunta: discrecionalidade para conceder parques eólicos

 

Ao mesmo tempo, a Xunta segue actuando “con total discrecionalidade” á hora de autorizar parques eólicos, arrogándose o dereito de aprobar proxectos fóra das áreas de desenvolvemento eólico (ADE) establecidas no plan sectorial ou saltándose as súas propias planificacións e normativa, “ademais desa suposta moratoria eólica”. Por outra banda, os colectivos denuncian a exclusión da sociedade galega dos órganos de consulta. O pasado ano, a Xunta vetou a participación das entidades ecoloxistas no Observatorio da Eólica Mariña e censurou someter a votación a moratoria eólica proposta polas organizacións ecoloxistas e sindicais no último Consello Galego de Medio Ambiente.

 

Por todos estes motivos, Eólica Así Non anima a toda a sociedade a manifestarse o vindeiro mércores, 23 de marzo, para lembrar ás administracións públicas que a participación cidadá nun estado democrático non se debe limitar aos períodos de exposición pública de proxectos ou aso procesos electorais. Así, a cidadanía tamén ten dereito a participar no deseño e elaboración de leis e dos instrumentos de planificación. Por último, a Coordinadora anuncia que presentará unha denuncia diante de instancias europeas (Comisión Europea) contra a administración galega pola vulneración das directivas europeas relativas ao dereito de información e participación pública en materia de medio ambiente.

Comparte esta noticia