Entidades ecoloxistas solicitan a inclusión do salmón atlántico no Catálogo Galego de Especies Ameazadas
ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) solicitaron á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, dependente da Consellaría de Medio Ambiente, a inclusión do salmón atlántico (Salmo salar L.) no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. O salmón atlántico representa en Galiza o límite meridional da especie na Europa continental e a súa poboación sufriu un forte declive ao longo dos séculos XX e XXI. Estudos e censos recentes amosan un descenso continuado das poboacións, tanto no número de capturas como na distribución dos ríos nos que está presente.
Segundo o Atlas do salmón atlántico en España (Ministerio para a Transición Ecolóxica, 2021), as poboacións de Salmo salar en Galiza diminuíron máis dun 80 % desde a década de 1970. O número de ríos con poboacións reprodutoras pasou de máis de 20 sistemas fluviais históricos a menos de oito na actualidade, quedando ademais illadas por bacías, o que impide un fluxo xenético eficaz. Ríos como o Eume, o Tambre ou o Sor, anteriormente salmoneiros, perderon por completo as súas poboacións, e nos que aínda persisten, como o Ulla, apenas se contabilizan arredor de 50 individuos reprodutores.
Estudos recentes prevén un descenso adicional do 30–50 % nas poboacións de salmón do sur de Europa debido ao aumento da temperatura e aos cambios na produtividade mariña. A esta situación súmase a continua degradación do hábitat fluvial e mariño, causada pola mudanza climática, as verteduras, a minería e a presenza de barreiras á migración sen unha restauración suficiente, como presas, azudes obsoletos e centrais hidroeléctricas.
As entidades solicitantes consideran necesario recoñecer o estado crítico das poboacións de salmón en Galiza, tanto pola súa reducida abundancia como pola velocidade do seu declive, e reclaman que a especie sexa declarada “En perigo de extinción” co obxectivo de desenvolver con urxencia un plan de recuperación.
Neste contexto, a asociación ambientalista Galicia Ambiental, súmase a esta proposta de protección do salmón, como xa o manifestou na súa recente iniciativa a favor da conservación de especies ameazadas acuáticas como a angula - anguila. A entidade é a promotora dunha campaña en Change.org baixo o título “Cartas de restaurante sen especies en risco de desaparición”, pola que reclama a eliminación nos menús de restaurantes de pratos elaborados con especies en regresión e a adopción de modificacións normativas para que especies como a angula/anguía, a lamprea, os santiaguiños ou o salmón salvaxe sexan declaradas protexidas e se prohiba a súa pesca e comercialización ata a total recuperación das poboacións.