Ecoloxistas en Acción Galiza solicita a protección da arcea mediante a paralización de competicións, batidas e cazas
Ecoloxistas en Acción Galiza ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ás Xefaturas territoriais e á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a paralización de calquera competición, batida ou caza autorizada acorde cas ordes de caza e plans de xestión cinexética en todo o territorio de Galicia. A organización advirte da situación de vunerabilidade na que se topa a especie Scolopax rusticola e o maltrato que recibe polo sector da caza. Así, Ecoloxistas en Acción solicita formalmente a suspensión dos campionatos de arcea, “debido ao pouco impacto que exerce a súa xestión”.
Scolopax rusticola é unha ave migratoria que chega aos bosques galegos entre os meses de setembro a novembro, con actividade diurna na primavera e no verán e nocturna no outono e no inverno. Trátase dunha especie da familia das Caradriformes que mide de 25 a 30 centímetros, dende a cabeza á punta da cola. Ecoloxistas en Acción Galiza lembra que son múltiples os torneos de “arcea” que se extenden ao longo e ancho de Galicia. Polo tanto, a organización pretende alertar da situación que sofre a arcea, solicitando con urxencia a mellor solución para a recuperación e crecemento da poboación da especie.
Entre os perigos que poden sufrir estas aves destacan que os cazadores entran de noite nos cotos para intentar darlles caza ás que aínda se alimentan nas brañas; sáltanse os cupos; cazan en “días de fortuna”; cazan arceas que acaban de chegar e con falta de alimento; confunden unha torcaz ou un zorzal cunha arcea; non lle conceden descanso a cazar as arceas, exercendo unha presión desmesurada sobre a especie; cázanse becadas sen precintos e sen control de capturas; e, ao cazar en grupo, poden baixar 6 ou 9 arceas. Ecoloxistas en Acción Galiza destaca que non existe un censo fiable do número de parexas invernantes de arceas en España, pero si se ten observado unha diminución da área de distribución da especiel. Polo tanto, malia ser unha ave en estado de vulnerabilidade, seguirá sendo cazada mentres non se catalogue coma especie en perigo.