Do lume ás especies invasoras: Galicia Ambiental reivindica a educación ambiental
Con motivo do Día da Educación Ambiental, a Asociación Galicia Ambiental súmase á súa conmemoración poñendo en valor case unha década de traballo continuado na sensibilización, na educación e na acción directa en defensa do medio ambiente galego e a biodiversidade do país. Desde o 2017, a entidade desenvolveu proxectos educativos transformadores e accións directas de conservación que a converteron nun referente. O Día Mundial da Educación Ambiental celébrase cada 26 de xaneiro para concienciar sobre a importancia de protexer o medio ambiente, promover a sustentabilidade e fomentar a participación cidadá. Esta data, que tena súa orixe no Seminario Internacional de Educación Ambiental de 1975, ten como obxectivo educar para un futuro mellor.
Para Galicia Ambiental, a xornada debe servir para concienciar ás persoas, pero tamén aos gobernos sobre a necesaria preservación dos recursos naturais e promover accións conxuntas, colaborativas e transformadoras. A educación ambiental é esencial para o desenvolver habilidades que permitan aos cidadáns crear un desenvolvemento máis sostible. Este é o compromiso da Asociación Galicia Ambiental, que naceu do compromiso de profesionais e empresas do sector ambiental cun obxectivo claro: actuar alí onde o medio ambiente galego máis o necesitase. Desde os seus inicios, Galicia Ambiental apostou por un modelo que combina conservación da natureza, sensibilización cidadá e colaboración con comunidades locais e institucións, integrando educación, acción práctica e coordinación con fondos europeos.
Un dos momentos clave na traxectoria da entidade produciuse en outubro de 2017, tras a vaga de incendios máis devastadora da década en Galicia, que arrasou máis de 48.000 hectáreas en apenas uns días. Zonas como a parroquia de Chandebrito, en Nigrán, quedaron practicamente devastadas. Daquel escenario xurdiu o proxecto “Árbores de Cinza”, unha iniciativa pioneira centrada non só na reforestación con especies autóctonas como carballos, castiñeiros ou sobreiras, senón tamén na recuperación da biodiversidade e na concienciación social.
O proxecto incorporou campañas de sensibilización, voluntariado ambiental e a formación de monitoras que levaron a educación ambiental aos centros escolares. Ademais, creouse o “Bosque da Memoria”, actividades divulgativas para manter vivo o recordo do impacto do lume e da necesidade de protexer os montes galegos. A experiencia de Chandebrito serviu como modelo para estender Árbores de Cinza a outras comunidades de montes, consolidando un enfoque que garante que cada euro recadado se destine directamente á reforestación, á sensibilización e á divulgación.
Entre 2017 e 2023, Galicia Ambiental desenvolveu case un milleiro de charlas de educación ambiental en centros escolares, centradas principalmente na recuperación da biodiversidade tras os incendios forestais. A partir de entón, a asociación dirixiu a súa atención cara a outro dos grandes retos ambientais de Galicia: a expansión das especies invasoras.
Tras colaborar co proxecto europeo LIFE “Stop Cortaderia” (2018-2022), Galicia Ambiental foi convidada a participar como socia e a liderar en Galicia o programa LIFE COOP Cortaderia (2023-2028), un proxecto internacional cun orzamento aproximado de seis millóns de euros. No marco desta iniciativa, a entidade desenvolve accións de control e divulgación fronte á Cortaderia selloana (herba da Pampa), traballando na creación dun “territorio barreira” que frea o seu avance desde a franxa atlántica cara ao interior, especialmente en marxes de autoestradas, polígonos industriais e outros espazos críticos.
O proxecto incorpora un forte compoñente social e educativo, con charlas en colexios, xornadas técnicas, obradoiros participativos e materiais divulgativos como o cómic “O Plumeiro da Pampa, unha planta moi invasora”, protagonizado por Os Bolechas. De xeito paralelo, Galicia Ambiental impulsa o programa Sin Invasoras (2023-2027), que aborda a escala local a ameaza das especies exóticas mediante accións de control, restauración de hábitats e unha intensa labor de sensibilización cidadá, co voluntariado como eixo central.
Neste Día da Educación Ambiental, Galicia Ambiental reivindica a importancia de ensinar desde idades temperás o valor do patrimonio natural galego e a necesidade de protexelo. Unha traxectoria que demostra que a combinación de educación, acción práctica e participación social é clave para afrontar os retos ambientais presentes e futuros.