Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Despois dos lumes… non só replantar

Os incendios forestais constitúen un dos maiores problemas ambientais que padecen os montes en Galicia e en toda a Península, e así foi tamén este verán. No caso galego, teñen ardido ata hoxe preto das 50.000 hectáreas, sendo o 2022 un dos peores anos por superficie queimada nas últimas décadas. As consecuencias dos lumes son devastadoras, xa que se interrumpen os ciclos naturais dos bosques e desaparecen as especies nativas, aumentando os niveis de dióxido de carbono. Neste sentido, xorde a dúbida de que hai que facer despois dos incendios forestais. Unha das primeiras accións que se contemplan tras os lumes é a reforestación, mais non sempre é a única solución nin a primeira que se debe adoptar.

A reforestación é unha das accións máis comúns para axudar a restaurar a cuberta forestal destruída polo lume e contribúe á consecución de diversos obxectivos, todos eles encamiñados a recuperar a estabilidade que proporcionan os bosques. Consiste en repoboar zonas deforestadas para recuperar montes ou plantacións destruídas no pasado recente, como acontece despois dunha catástrofe natural (por exemplo, despois dun incendio forestal). Ante a perda de grandes masas forestais, vese como necesaria a plantación masiva de novas árbores co obxectivo de evitar a perda de ecosistemas e frear a deterioración do planeta.

Esta acción lévase a cabo de dúas maneiras, de xeito natural ou artificial. O proceso de reforestación natural baséase no enraizamento de sementes e brotes de árbores sen axuda humana (e sen dificultalo como consecuencia de actividades na zona afectada), mais en certos casos pode resultar insuficiente: cando a substitución de árbores implica a participación humana, debe ser complementada (incluso precedida) doutras técnicas. A reforestación ten diversos beneficios, pois serve para mitigar o cambio climático, mellorar a calidade do aire, mellorar a biodiversidade, restaurar o hábitat natural, manter a calidade e o cliclo da auga, enriquecer a fertilidade do solo e previr inundacións, entre outros. Porén, realizada dun xeito irresponsable, pode levar a un empobrecemento dos solos e outros problemas como o estrés hídrico.


A reforestación non é sempre o máis urxente

Malia que a reforestación ten numerosos beneficios, non é sempre a primeira opción nin a única, nin sequera a máis importante. Despois dos incendios é preciso estabilizar o solo para protexelo da erosión, planificar especies e espazos a recuperar (contando con profesionais forestais ou agrónomos) e contar cos propietarios (especialmente con comunidades de montes). Non son aceptables moitas accións “voluntaristas” que se están a propoñer de xeito improvisado e cargadas de boas intencións, pero sen o aval e a coordinación dos axentes e técnicos. Accións como a promovida por unha canle televisiva para que a cidadanía sembre sementes. Este descoñecemento sobre como actuar nunha etapa post-incendio pode ser case tan prexudicial como o propio lume. Existen accións necesarias despois dos incendios, mais non parecen prioridades en moitas das zonas afectadas polos lumes: usar parte da madeira queimada para facer “caballóns” (barreiras de contención) en ladeiras, executar áreas de decantación nos cursos de auga para evitar a súa chegada a ríos e rías, usar parte da medeira para corta e triturado in situ para “mulching” ou minimizar o impacto de maquinaria pesada de corta, que xunto ás chuvias intensas son o principal elemento de deterioro do solo e a perda de fertilidade.

A tendencia de cortar xa toda a madeira para sacarlle partido e deixar listo o solo para novas plantacións está a ser un elemento distorsionador. María Luisa Gil Meana, maxistrada do TSJM en Confilegal, indica que o problema é que a madeira do bosque queimado convértese en biomasa e é adquirida en subastas. Nas plicas ofrécense cantidades fixas, polo que se perde a incertidume que existe cando as poxas se fan presencialmente e de viva voz. Por outra parte, a maxistrada afirma que se autorizarán os pastos en zonas queimadas no momento no que haxa pasto no outono, o que supón levantar a prohibición contemplada na Lei de Montes para as superficies afectadas polos incendios. Ademáis, contribúe a os incendios o feito de que non haxa un mantementos dos bosques antes de que chegue a época de risco con talas incontroladas.

Neste sentido, con respecto á posibilidade de cortar madeira queimada (que, de feito, xa se están tramitando as autorizacións) a Xunta indica que si que se pode facer, segundo o estipulado no DECRETO 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta materia regúlase de xeito específico no artigo 35 deste decreto.

O caso máis evidente de precipitación está a ser a provincia de Zamora. As présas por evitar perdas de prezo da madeira queimada (ingresos para os municipios da Sierra de la Culebra) levou á Xunta de Castela e León a autorizar cortas de forma masiva. A acción está a provocar un altísimo impacto da maquinaria pesada no solo recentemente queimado e a mobilización de cinzas que, coa chegada das primeiras chuvias, acaban no fondo de barrancos e cursos de auga.


Recuperación e restauración

Antes de pensar na reforestación é preciso facer un traballo para conter a posible erosión. A destrución da cuberta vexetal tras un incendio produce unha desprotección do solo frente a chuvia, o que causa taxas de erosión moi elevadas. Neste sentido, é preciso mencionar o concepto “mulching”, unha técnica para cubrir, conservar e protexer ese solo para mitigar os riscos de erosión en zonas sensibles. Faise manualmente nas áreas accesibles a pé ou dende un helicóptero (“helimulching”). Así, consiste en distribuír palla de cereal ou calquera outro residuo orgánico fibroso sobre o solo queimado (como o triturado de madeira e restos de monte baixo), evitando que a chuvia impacte directamente e arrastre a capa superficial coa axuda de barreiras. Este proceso de arrastre vese acrecentado por procesos de hidrofobia do solo baixo a cinza: o calor e baixa humidade persistente e a temperatura do incendio crean unha “costra” que só a recuperación da humidade é quen de devolver a un estado natural e, con isto, a capacidade de volver a absorber auga.

A Xunta de Galicia di “actuar de maneira sistemática en todas as zonas afectadas por incendios forestais de certa magnitude, para propiciar a súa recuperación e frear a posible erosión que se poida producir no chan”. Nesta liña, subliñan que “as accións comezan coa análise da severidade do lume, xa que se trata do factor que determina as necesidades máis urxentes de restauración. As medidas son variadas e con diferentes prazos de execución. Segundo a Xunta, as máis urxentes son a aplicación de mulching en ladeiras ou a reparación e posta a punto da rede de drenaxe de pistas e camiños. No caso do Courel, a Xunta indica que se tomarán esas mesmas medidas”. Na realidade, as accións preventivas son testimoniais e escasas no conxunto de territorio queimado.

Ademais, os incendios forestais son unha das causas principais da desertización, que afecta a todo o planeta. España é un dos países europeos máis vulnerables á sequía e á escaseza de auga relacionadas co cambio climático, o que provoca un importante risco de desertificación. No caso de Galicia, máis do 40% do solo está degradado e a comunidade perde unha media de 15 hectáreas de terra cada ano. No Inventario Nacional de Erosión de Solos 2002-2012, o Ministerio de Medio Ambiente xa marcaba en vermello amplas zonas das catro provincias galegas. Por este motivo (e por moitos outros), é preciso cambiar o modelo de xestión do monte para evitar que este problema continúe medrando.

Polo tanto, ademais de empregar técnicas de recuperación tras os incendios, é imprescindible que os responsables públicos actúen tras 30 anos de volcar esforzos unicamente á extinción, para incidir na prevención (sempre cunha visión estratéxica). Para loitar contra os incendios é imprescindible anticiparse a eles e que a súa propagación sexa a menor posible. Porén, o desenvolvemento de tarefas de prevención é a maior materia pendente: a gran parte dos orzamentos destinados supostamente a esta actividade son, en realidade, inversión en mantemento de infraestruturas ligadas á extinción, Ademais, a falta de estabilidade laboral e a súa temporalidade tamén favorecen a mala xestión de incendios da Xunta de Galicia.

Así, a recuperación responsable e técnica de terreos afectados polos lumes é tamén unha forma de prevención activa para evitar repeticións periódicas de lumes en terreos xa ardidos.

Comparte esta noticia