Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Desmontan o relato que culpabiliza ao Estado da subida do canon de Sogama

A planta de tratamento de residuos Sogama subiu un 30% o canon da xestión de residuos a metade de ano. Diante diso tanto parlamentarios como alcaldes do BNG e do PSdeG opuxéronse á subida. Entre os seus argumentos indican que non só vaise a levar a cabo a metade de ano (alterando profundamente orzamentos municipais), senón que, ademais, tal e como informan desde as organizacións políticas, está a presentarse cun relato adulterado. Segundo explican desde a Xunta, débese a que o Goberno central suprimiu as primas ás enerxías renovables e creou un imposto á incineración e aos vertedoiros, resultando en perdas para Sogama. O sistema da planta de Cerceda baséase nun 80% na incineración e o depósito en vertedoiros, un modelo insostible tanto económica como ecoloxicamente, xa que ademais de non ser viable, tivéronse que pagar impostos por non mellorar o sistema cara a un máis adecuado.

Ata o momento, os concellos tiñan un 15% de desconto a cambio de separar o lixo orgánico e promover a reciclaxe, pero, con esta subida, eliminouse e este ano 118 municipios terán que pagar máis do xa pagado a Sogama polo tratamento de residuos. A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) opúxose, sen embargo, o consello de administración de Sogama aprobou a elevación da taxa que cobra ás alcaldías. Esta taxa fixouse en 88,05 euros por tonelada para todas as corporacións locais desde xullo a decembro, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido, moito máis dos 68,08 euros (máis o incremento ao imposto sobre o valor engadido) que había desde xaneiro a xuño, facendo unha media de 78 euros de canon.

A subida xa estaba prevista desde 2023 ao entrar en vigor o 1 de xaneiro dese ano o imposto sobre a incineración, a coincineración e o depósito de residuos en vertedoiros, entre as medidas fiscais para fomentar a economía circular, establecido pola Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e chans contaminados para unha economía circular. Con todo, a subida non foi anunciada polo PP e, polo tanto, a Xunta de Galicia, ata despois das eleccións autonómicas deste ano, a metade do exercicio económico con orzamentos xa pechados, alterando así as contas feitas polos concellos meses atrás.

Ata o momento, os 68,08 euros era a tarifa que se estaba utilizando, excepto para os concellos que promovían a reciclaxe e a recolección separada dos biorresiduos, aos que se lles aplicaba un desconto de 56,1 euros no canon. O Goberno central aprobou a eliminación da retribución á planta termoeléctrica que Sogama ten en Cerceda a mediados do ano pasado, así como a necesidade de pagar o sobre custo de 21,9 millóns de euros o ano pasado debido aos novos impostos sobre as verteduras e a incineración e o de produción de enerxía eléctrica. A viabilidade da planta de Cerceda (A Coruña) depende do número de toneladas de residuos que cheguen alí, un servizo pago por concellos e cidadáns, e do custo da electricidade, de tal forma que canto máis cara está a luz máis beneficios ten Sogama, da cal a empresa Naturgy ten participacións.

A través da xestión de residuos, o complexo ambiental vende a enerxía que xera, pero, para logralo, tamén necesita gastar grandes cantidades de gas e electricidade, o cal foi penalizado en 2022. Nos últimos 7 anos, as súas ganancias diminuíron un 70%; dos 12,7 millóns de euros que gañou en 2021, pasou a unhas ganancias de tan só 3,8 millóns. Esta baixada nas ganancias débese en gran parte aos impostos á incineración e ao depósito de residuos en vertedoiros impostas polo goberno, unha situación que se podería cambiar mellorando o sistema de tratamento de residuos, pero que non cambiará porque desde Sogama e a Xunta continúan afirmando que é o sistema máis indicado para Galicia.

Pola súa banda, a Xunta explica que con ese canon van recadar 12 millóns de euros, pero van devolver 9 aos concellos, xa que pretenden ingresarlles certa cantidade por habitante no fondo de cooperación social. Con todo, os concellos nun primeiro momento deben ter ese diñeiro para pagar o canon, polo que moitos se están empezando a queixar da subida, tanto por facerse cos orzamentos xa aprobados como polos convenios de adhesión a Sogama, que establecían incrementos anuais acorde ao IPC e non do 30% a metade de ano.

Tanto parlamentarios como alcaldes do Bloque criticaron abertamente que, durante a campaña electoral, o Partido Popular anunciaba baixadas nos impostos, pero, unha vez pasaron as eleccións e volveron a ter maioría absoluta saíu á luz a realidade, unha baixada dalgúns impostos para compensar a subida no canon da recollida de lixos. Desde o partido denuncian a “mala xestión” e o fracaso do modelo de lixos.

O viceportavoz do BNG no Parlamento, Luís Bará, para un cambio necesario no tratamento de residuos en Galicia, propón “un pacto de País para ir progresivamente cara un modelo de xestión de residuos que aposte pola proximidade e a compostaxe”. Do mesmo xeito, reclama á Xunta que “recapacite” e sente a negociar cos representantes municipais para paralizar o “intento de taxazo”.

Este parlamentario tamén advertiu dos contratos multimillonarios adxudicados por Sogama polos que leva recibindo millóns de euros cada ano. Entre eles á empresa UTE COPASA-RENFE-LOGIRAIL adxudicóuselle un contrato de transporte dos residuos en 2015 por 10 anos por 131,7 millóns de euros; a UTE VALTALIA-SETEC-SOCIEDADE POLÍMEROS en 2016 por 15 anos á súa planta de clasificación de residuos e elaboración de combustible por 275,5 millóns de euros; a UTE SOCIEDADE POLÍMEROS-SETEC-ESPINA OBRAS HIDRÁULICAS (GRUPO VALTALIA) unha adxudicación en 2021 por 10 anos á súa planta de coxeración e termoeléctrica por 238,1 millóns de euros; e así ata máis de dez adxudicacións a grandes empresas de depuradoras, vertedoiros, clasificación de envases e xestión de instalacións.

Do mesmo xeito, Eva Villaverde do BNG en Pontevedra describiu a medida como un "sablazo" que levará á poboación para pagar o fracaso da "mala xestión da Xunta", Pontevedra vai ter que desembolsar ao redor de 660.000 euros máis. Para este ano, prevese que a factura da empresa pública alcance os 2.357.346,06 euros na súa totalidade, pero, de fronte ao ano 2025, o custo será maior de 2.659.372,92 euros, aproximadamente un millón de euros máis do que custa actualmente.

Desde o PSOE, a reacción está a ser tamén de protesta, aínda que apenas transcende argumentos máis aló de membros destacables do seu partido como o do alcalde de Vigo, Abel Caballero. O concello vigués debe facer un desembolso 8,5 millóns de euros adicionais polo canon. O rexedor criticou a postura da Xunta e acusou á oposición de "non protexer" a Vigo, expresando a súa pesar: "É un espolio á cidade". Cos votos a favor do grupo socialista, a abstención do BNG e a negativa do PP, o pleno municipal rexeitou a subida.

Comparte esta noticia