Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Desenvolvemento do Plan de Xestión de Residuos Industriais

A Xunta destina 800.000 euros para a execución do Plan de Xestión de Residuos Industriais

A Administración autonómica continuará as accións iniciadas no 2018 centrados na prevención de xerar residuos e na mellora da xestión dos refugallos de aceites usados, de pilas e acumuladores e de aparatos eléctricos e electrónicos

03-01-2019

A Xunta destina este ano arredor de 800.000 euros para a execución de diversas actucións dentro do Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2016-2022 (PRIGA) co obxectivo de optimizar a xestión deste tipo de residuos.

Así, con cargo á partida orzamentaria disposta pola Consellería de Medio Ambiente, o investimento destinado a poñer en práctica e desenvolver o PRIGA en 2018 terá continuidade no presente exercicio cos obxectivos principais de favorecer a divulgación da prevención na xeración de residuos, a difusión activa a todos os axentes do sector, e o establecemento de canles efectivas de comunicación entre a administración e os principais sectores implicados.

Os oito bloques de actuación do plan nos que se centraron os esforzos o ano pasado tiveron por obxecto os seguintes eixes, que en 2019 seguirán a guiar as actuacións da consellería:

• Fomento da prevención no sector industrial, en xeral.

• Actuacións de información e sensibilización en materia de residuos sanitarios.

• Actuacións de apoio ás entidades locais para a prevención e xestión de residuos da construción e demolición (RCD).

• Actuacións dirixidas aos produtores e xestores de residuos da construción (RCD).

• Actuacións para o fomento do reciclaxe de buques e embarcacións ao final da súa vida útil.

• Actuacións para a mellora da xestión de aceites usados.

• Actuacións para a mellora da xestión, da rastrexabilidade e da información dos residuos de pilas e acumuladores.

• Actuacións de formación-información destinada aos produtores e xestores de Residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE).

Ao remate do exercicio 2018 o custo das actuacións postas en práctica en desenvolvemento de cada un destes bloques ascendeu a 491.585,26 euros.

Dous anos da aprobación do PRIGA

En decembro do ano 2016 foi publicado o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2016-2022 (PRIGA), a folla de ruta a seguir nesta materia na comunidade autónoma. Fronte aos denominados residuos domésticos, aqueles que se xeran nos fogares como consecuencia de actividades propias dos fogares e aos que lles resulta de aplicación o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG), os industriais son aqueles resultantes dos procesos de fabricación, transformación, utilización, consumo, limpeza ou mantemento xerados pola propia actividade industrial.

A elaboración do devandito plan ten por finalidade efectuar unha análise actualizada da situación nesta materia no ámbito territorial da comunidade que permita determinar as medidas máis axeitadas para facilitar a reciclaxe, a valorización e a eliminación dos residuos, establecendo obxectivos de prevención, preparación para a súa reutilización e eliminación, así como a estimación da súa contribución á consecución dos obxectivos establecidos polo marco normativo aplicable.

Folla de ruta e documento de diagnose

Neste contexto, o PRIGA 2016-2022 constitúe a folla de ruta na xestión dos residuos industriais en Galicia para os próximos sete anos e, a partir dunha diagnose previa do panorama existente, permite concretar os conceptos, principios e estratexias para acadar unha correcta xestión deste tipo de residuos a medio prazo, tomando en conta as achegas realizadas polos propios sectores involucrados.

En particular, a raíz dos datos avaliados e dos principais fluxos de residuos, o PRIGA proporciona información en relación coa xeración e xestión para os seguintes grupos de refugallos: residuos de construción e demolición, aceites usados, residuos sanitarios, pneumáticos ao final da súa vida útil, vehículos fóra de uso, policlorobifenilos e policloroterfenilos, pilas e acumuladores, residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, lodos, restos agrarios, residuos metálicos, residuos da transformación de recursos mineiros, buques e embarcacións ao final da súa vida e residuos industriais sen lexislación específica.

Cada un destes grupos ou fluxos de residuos conta cun programa específico no documento aprobado a finais de 2016 que detalla as medidas e actuacións concretas para a consecución dos obxectivos propostos, así como a asignación dun orzamento destinado a financiar o desenvolvemento de accións que melloren as porcentaxes de reciclaxe dos diferentes residuos e promovan a cultura de economía circular dentro do seu ámbito.

Comparte esta noticia