Desenredando a economía circular, unha xornada no marco do proxecto Oceanets na que se analizará modelos de negocios dentro desta estratexia
No marco do proxecto Oceanets, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, acolle a xornada Desenredando a economía circular, un evento no que representantes de empresas e institucións analizan diferentes modelos de negocio que se encadran dentro desta estratexia. Será este mércores, 17 de marzo, logo de que tivese que ser adiada hai agora case un ano por mor da situación sanitaria.
Amais de debullar e definir as características da economía circular, o evento acollerá unha mesa rdonda moderada polo presidente da Asociación Galicia Ambiental, Benito García Carril. Nela participarán Leticia Regueiro Abelleira (Medioambiente e valorización de produtos do mar, Anfaco-Cecopesca), Violeta Bouzada Novoa (Fento Moda Sustentable Gallega) e Sara Bermúdez Couto (Responsable sustentabilidade en Bimba y Lola).
O proxecto Oceanets
Trátase dun proxecto europeo, no que o obxectivo principal de OCEANETS é o de desenvolver solucións tecnolóxicas aliñadas co modelo de Economía Circular relacionadas coas redes de pesca fóra de uso. Amais pretenden demostrar a viabilidade tecnoeconómica, ambiental e social do uso do lixo mariño recuperado, na súa gran maioría redes de pesca, para obter un novo produto para a industria téxtil de alta calidade. Para elo, investigan novos métodos para previr a súa perda, facilitar a recuperación e a reutilización, así como o seu reciclado en forma de novos produtos téxtiles de alto valor engadido.
O proxecto comezou a andar en 2019, e dende o seus inicios levouse a cabo a posta en marcha dunha ferramenta de xeolocalización para monitorear e cuantificar o estado actual dos desperdicios mariños. A xeolocalización, permitirá previr a perda de redes, así como sinalar as zonas nas que os pescadores detecten obstáculos nos que poidan quedar atrapados os seus aparellos e identificar os puntos nos que perderon as súas redes para a súa posterior recuperación.
A valorización dos residuos actuáis que se extrae do mar enfocaráse no sector téxtil de alta calidade, pero tamén analizan outras aplicacións potenciais para obter o máximo rendemento ambiental, social e económico. Unha nova actividade económica cun enfoque sostible que permitan crear un novo desenvolvemento empresarial. De feito, ao longo do 2020 o proxecto Oceanets conseguiu xestionar 30 toneladas de redes fóra de uso, e grazas ao reciclado químico das fibras elaborou tecido para usar na fabricación de prendas deportivas.
Oxectivos de Oceanets
Trátase dun proxecto coordinado por AIMPLAS coa colaboración da Universidad de Vigo, la Cooperativa de Armadores de Pesca del Puerto de Vigo (ARVI), ECOALF, SINTEX e a Asociación Vertidos Cero, cofinanciado pola Axencia Executiva da Pequena e Mediana Empresa (EASME) da Comisión Europea e os Fondos Europeos Marítimos e Pesqueiros (FEMP).
Xorde da necesidade de previr a perda dos aparellos de pesca no mar que, amais da perda económica, supón un impacto ambiental negativo pola produción de residuos plásticos e a pesca pantasma.
Por outra banda, o proxecto pretende por en valor as redes de pesca danadas que non se poidan reparar para contribuir ao reciclado destes residuos xerando un potencial beneficio económico.
O obxectivo do proxecto Oceanets é garantir a viabilidade da economía circular de determinados aparellos de pesca por medio do desenvolvemento dunha ferramenta TIC (prevención) e optimización (valorización) das tecnoloxías de recicalxe.