Debate en Antas de Ulla: O papel do biogás e os xurros no agro galego, solución ambiental ou negocio especulativo?
O vindeiro sábado 15 de febreiro se levará a cabo unha mesa redonda onde se debaterá se os xurros son un problema ambiental e se as plantas de biogás son unha solución. Este debate, moi importante para a actualidade, celebrarase na Casa da Cultura de Antas de Ulla (Lugo) ás 16:00 e contará coa participación de membros do Sindicato Labrego Galego, de Unións Agrarias, expertos e representantes do sector gandeiro.
Actualmente, grandes grupos empresariais, apoiados polas administracións, buscan construír grandes plantas de biogás, na súa gran maioría con axudas públicas e beneficiándose do auxe das enerxías renovables. Para iso, pretenden usar como o seu principal combustible os xurros de forma gratuíta argumentando que estes fertilizantes naturais representan un problema para o medio ambiente.
Ante esta premisa, a asociación ecoloxista ADEGA organizou esta mesa redonda, en colaboración co concello de Antas de Ulla e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Da man de expertos e representantes do sector gandeiro vaise tratar se as plantas de biogás e biometano que se ofrecen ao agro a conta dos xurros son proxectos sociais e ambientais sostibles ao servizo das explotacións gandeiras ou se son un simple negocio especulativo que se disfraza de verde para, coa escusa da chamada economía circular e de protección do medio ambiente, seguirse facendo con importantes cantidades de fondos públicos.
A mesa redonda, moderada por Sonia Mareque Alonso, tecnóloga de alimentos, contará coa participación de Juan Castro, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM); Xulio Fernández, coordinador do sector lácteo do Sindicato Labrego Galego; Elías Somoza Rigueiro, responsable da área de gandería da FRUGA; Jacobo Feijóo Lamas, técnico de Unións Agrarias; José Luis Pérez Barreiro, presidente de AGROMURALLA; e Adrián Riádigos, presidente de Gandeiros e Gandeiras Galegas Elas-Eles.
A presentación correrá a cargo da Alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, un representante da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e Daniel Vispo, membro de ADEGA.