Conservación da natureza
O CEIDA acolle unha Xornada Internacional este venres en Oleiros
Expertos internacionais debatirán sobre o futuro da conservación da natureza
O encontro é unha oportunidade única para coñecer o que as entidades públicas, as empresas privadas e as ONG’s están a facer pola defensa do patrimonio natural
04-10-2017
O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) acolle este venres, 6 de outubro, a Xornada Internacional ‘UICN, sete décadas de traballo pola conservación: A defensa do patrimonio natural’ que organiza xunto ao Comité Español da Unión Internacional de Conservación da Natureza (UICN), co obxectivo de reflexionar e debater sobre o futuro da conservación do noso patrimonio natural.
Desde a súa fundación en 1988, o Comité Español da UICN tivo, entre as súas metas fundamentais, a difusión de coñecemento e a influenza nos marcos reguladores do ámbito da conservación, tanto a escala nacional como internacional.
Entre as súas principais liñas de actuación, destaca a comunicación, a difusión de boas prácticas e o intercambio do coñecemento, e neste marco, xurde a necesidade de organizar esta xornada, co obxectivo de crear o escenario idóneo para que os propios membros do Comité Español da UICN poidan presentar ás institucións que representan e divulgar o traballo que están levando a cabo en materia de conservación, os seus obxectivos, os seus procesos de gobernanza e participación, as súas dificultades, e a exposición dos seus resultados.
A xornada dará a oportunidade ademáis de coñecer aos membros recén incorporados ao Comité Español, concretamente en Galicia: a Xunta de Galicia como membro de UICN global e, proximamente, membro do Comité Español, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, entidade xestora da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
En definitiva, este foro internacional pretende reflexionar e debater sobre o futuro da conservación, así como dar a coñecer a axenda da Unión Internacional para a Conservación da Natureza nos vindeiros anos. Trátase, ademais, dunha ocasión única para coñecer e presentar o que se está a facer neste eido, tanto desde as entidades públicas, as empresas privadas como as ONGs.
O encontro contará coa participación do vicepresidente de UICN global D. Ali A. Kaka (China), do presidente do Comité Español da UICN, D. Juan Antonio López (España), ou o subdirector xeral de Medio Natural do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, D. Miguel Aymerich Huyghues-Despointes (España), entre outros. Na inauguración intervirán a Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, Dna. Beatriz Mato Otero, o reitor da UDC, D. Julio E. Abalde, e o alcalde de Oleiros, D. Ángel García Seoane.
Pode consultar o programa completo na páxina de CEIDA