Conflitos ambientais e carencias estruturais: así foi 2025 en Galicia
A situación do medio ambiente en Galicia foise escurecendo co paso dos meses, marcado por conflitos arredor de grandes proxectos industriais, presións sobre a xustiza, unha xestión deficiente dos incendios forestais, políticas ambientais de escaso percorrido, problemas persistentes na xestión dos residuos e dificultades estruturais no abastecemento de auga, todo iso en contraste cunha crecente mobilización social.
Neste contexto, o caso Altri continúa a ser un dos principais focos de controversia, ao simbolizar un modelo de tramitación ambiental cada vez máis laxo. A Xunta de Galicia avanzou de maneira notable na relaxación das esixencias normativas, acelerando procedementos e reducindo controis en proxectos con alto impacto potencial. De xeito paralelo, intensificouse a presión sobre o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para que flexibilice a adopción de medidas cautelares. Confederacións empresariais, a propia Xunta e asociacións sectoriais como a eólica ou a do metal cuestionaron de maneira obscena resolucións xudiciais que freaban (de forma cautelar) proxectos, poñendo en cuestión a independencia do poder xudicial en materia ambiental.
Os incendios forestais volven evidenciar carencias estruturais e cortoplacismo electoralista na toma de decisións. A política pública continúa centrada na extinción, con escasos recursos destinados á prevención e practicamente ningunha actuación relevante tras os grandes lumes. A isto súmase a autorización precoz de cortas masivas de madeira queimada poucos meses despois dos incendios, como no macizo central ourensán. O cesamento de parte da cúpula do operativo contra incendios, realizado por Alfonso Rueda, non apunta a cambios de fondo, manténdose a aposta polo eucalipto e o abandono da prevención.
Do mesmo xeito, a Consellería de Medio Ambiente presentou ao longo do ano diversas iniciativas de carácter máis cosmético ca estrutural, sen unha estratexia clara a medio e longo prazo. A falta de medidas efectivas contra as especies invasoras é un dos exemplos máis sinalados. As deputacións provinciais, con independencia da súa cor política, tampouco destacaron por unha xestión ambiental ambiciosa ou transformadora.
No que atinxe á xestión dos residuos no ámbito da administración local, a recollida selectiva da materia orgánica segue a ser marxinal en moitos concellos, malia a súa obrigatoriedade. A situación repítese con outros residuos como os aceites usados ou a roupa, onde a presenza de colectores é testemuñal e máis orientada a xustificar o cumprimento normativo ca a acadar resultados reais. Galicia situouse un ano máis no furgón de cola da reciclaxe, por mor dun modelo obsoleto, Sogama, que acaba de “fagocitar” o de Serra de Barbanza (historicamente moi por riba en taxas de reciclaxe) (os concellos que integran a mancomunidade deberán explicar este paso atrás á cidadanía...).
Finalmente, os problemas da auga continuaron a afectar a numerosos municipios galegos. Algúns afrontan riscos de subministración polo aumento da poboación en tempada turística, mentres outros padecen redes obsoletas que provocan perdas de entre o 30 e o 50 % da auga antes de chegar aos fogares, agravando unha situación xa de por si crítica.
Porén, no lado positivo destaca unha maior reacción social fronte a proxectos con forte impacto ambiental. As mobilizacións contra Altri, contra plantas de biogás en mans de grandes industrias, ou a continuidade da oposición á mina de Touro, malia as promesas da empresa sobre os seus vertidos, reflicten unha cidadanía máis activa.
Unha das últimas novas ambientais do ano foi a suspensión da pesca do salmón, autorizando de maneira paradóxica a celebración de campionatos de pesca da especie. Unha medida de protección que segue a facerse esperar para angula/anguila, lamprea... e outras mariñas como santiaguiño e outras cuxas poboacións están xa nun declive máis que evidente e denunciado pola ciencia.