Compostaxe nos Concellos
A Xunta opta agora por promover a compostaxe industrial nos Concellos
A Administración certifica así o fracaso do modelo de incineración representado por SOGAMA
Aboga por unha maior valorización dos residuos fronte ó paradigma actual que só consegue un 3,3% de reciclaxe
30-08-2017
Por imperativo legal e logo de 20 anos apostando pola incineración do lixo, a Xunta viuse agora obrigada a abrir a porta á compostaxe a gran escala permitindo a participación dos concellos no proxecto da nova planta da Areosa e implantando a recollida selectiva.
Aínda que de xeito testemuñal, a Xunta acaba de certificar, tras dúas décadas, o fracaso do modelo SOGAMA baseado na incineración. A Administración autonómica promove agora a compostaxe a gran escala e a posibilidade de implantar nos concellos a recollida selectiva de materia orgánica.
A enésima modificación do Plano de Residuos vai permitir ós concellos cambiar o sistema de recollida para que a materia orgánica poida ser separada xa en orixe. Até o de agora, SOGAMA só recolle selectivamente vidro, envase lixeiros e papel-cartón. O «resto» (máis do 50% en peso) incluída a materia orgánica, vai todo mesturado ao contentor verde para ser soterrado no vertedoiro da Areosa e satélites, ou queimado na incineradora.
A recollida selectiva da materia orgánica é a condición sine que non para fabricar un verdadeiro compost fixada pola Lei de Residuos 22/2011, e deste xeito cumprir os obxectivos de reciclaxe (mínimo do 50% da materia orgánica para 2020) que establece a Directiva 2008/98/CE. Cómpre lembrar que nestes intres o modelo SOGAMA promovido pola Xunta, acada só un 3,3% de reciclaxe.
Lee a nova completa en Adega