Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Complexo Ambiental Miramontes

O Complexo Ambiental Miramontes acusa á Plataforma de querer crear unha realidade paralela “utilizando parcialmente” informes e faltando á verdade

O Complexo Ambiental Miramontes está aberto a participar nunha comisión de seguimento para compartir toda a información precisa

O Complexo conta xa cun Programa Integral de Mellora, que inclúe un estudo olfatométrico, para solucionar as molestias puntuais dos últimos meses

07-10-2017

O Complexo Ambiental Miramontes, situado na parroquia compostelá de Grixoa, acusa á Plataforma de afectados polo vertedoiro de Grixoa – Miramontes de querer crear unha realidade paralela, empregando de xeito parcial e malintencionado un informe técnico e faltando á verdade. O Complexo Ambiental Miramontes lamenta que a Plataforma busque poñer en dúbida os procedementos que se levan a cabo nas instalación, e que contan con tódalas autorizacións pertinentes tanto das administracións locais como autonómicas e superan as distintas inspeccións de xeito positivo.

Dende o Complexo recordouse que, dende hai catro meses ven convidando á “plataforma de afectados” a unha xuntanza para que analicen a documentación que estimen oportuna e visiten as instalacións. Pese a falta de resposta desta “organización”, que evidencia o seu desinterese por dialogar, dende o Complexo si se está a percibir positivamente as aportacións de ducias de veciños que se achegan a coñecer a instalación e constatan as prácticas que alí se realizan.

Así, o Complexo continúa a disposición dos colectivos da zona, tanto da plataforma (que ata o de agora se negou a falar, reunirse, ou obter información directa do Complexo) como da asociación de veciños (que desde que o Complexo Ambiental Miramontes comezou co programa de mellora de instalacións e visitas amosáronse dialogantes e cos que o Complexo celebrará unha ronda de reunións para seguir a trasladarlles a realidade das instalacións e as melloras postas en marcha).

De igual xeito, representantes do Complexo reiteraron esta semana ao concelleiro Xan Duro, nunha moi positiva entrevista, a disposición plena a participar nunha comisión de seguimento cos veciños (asociación e plataforma), Xunta, Concello e empresa e avalía “a proposta de creación da comisión do seguimento” como moi positiva, posto que contribuiría a poñer en evidencia aos que tentan utilizar unha infraestrutura modélica ambientalmente e, sen dubida, mellorable en aspectos como as molestias por tráfico ou olores esporádicos”.

A “plataforma” publicaba, esta mesma semana unha “tribuna” (baseada nun informe dunha consultora realizado antes do verán e da implementación de moitas das medidas de mellora acordadas) nun xornal local, onde – ademais de facer seus os argumentos dun grupo político – facía un conxunto de afirmacións con intención claramente manipuladora, faltando á verdade en boa parte das afirmacións que realizaba. Cómpre recordar, ademais, que a empresa mostrou, en todo momento, unha actitude de colaboración, tal e como recoñece o Concello, durante a realización desta auditoría ambiental, mostrando a súa total disposición para examinar todo aquelo que os técnicos consideraban oportuno, nun exercicio de total transparencia.

Así, logo destas afirmacións con afán manipulador, as empresas que integran o Complexo Ambiental Miramontes, queren manifestarse e puntualizar certos aspectos: A instalación de eliminación de residuos non perigosos, encóntrase localizada no interior dunha actividade industrial en actividade e o obxecto da instalación (vertedoiro) é precisamente levar a cabo o plan de restauración do espazo natural da Canteira de Miramontes, tal e como se recolle na autorización ambiental integrada outorgada.

Esta zona de vertido de residuos, pese ó declarado pola Plataforma, está rodeada en 2/4 partes cun peche de 4 metros de alto, 1/4 parte con malla de obra de 1,5 m de alto. Ademais, a empresa responsable alega que este peche de 4 metros será ampliado segundo se vaia avanzando no fronte de explotación. A canteira de Miramontes ten delimitadas as súas instalacións, e as barreiras naturais existentes (taludes) en parte da mesma fan inaccesible o paso de vehículos e persoas á mesma, ademais o único acceso mediante vehículos conta cun peche físico que impide o acceso en horas fóra de actividade.

Todas estas medidas garanten que non sexa posible realizar ningún vertido non controlado dentro das instalacións. Medidas que se complementan coa presenza de vixilancia durante as fins de semana e de disposición de sistemas de cámara de vídeo-vixilancia as 24 horas do día tanto no acceso ás instalacións da canteira como na zona de vertido.

Dende o Complexo Ambiental Miramontes, destacan, ademais, que fronte ás acusacións da plataforma de incumprimento neste punto, pese a contar con este peche, durante as inspeccións realizadas no transcurso da inspección ambiental por parte de técnicos da Consellería de Medio Ambiente, nunca se considerou a falta de peche como desviación a ser corrixida.

Ó longo destes anos de traballo, dende o Complexo Ambiental Miramontes tentouse minimizar os efectos que a súa actividade puidese ter tanto para os veciños como para o entorno. Proba dilo é que algunhas das acusacións vertidas dende a Plataforma xa foran abordadas previamente polas propias firmas para tentar buscar solucións. Así, a solicitude de instalación dunhas redes contras aves de gran tamaño son incompatibles coas características das infraestruturas. Na actualidade, dado o nivel de explotación alcanzado no vaso de vertido, xunto co sistema de explotación adoptado, fai inviable a instalación de dita rede. Dende a dirección da instalación estase valorando a adopción de medidas para minimizar a presenza de aves de gran tamaño mediante outras alternativas que garantan resultados como poden ser os equipos de ultrasóns, que son, ademais, unha medida menos prexudicial para a integridade das aves. Cabe salientar, á marxe da necesidade deste tipo de sistemas, que a poboación de aves de gran tamaño diminuíu notablemente nos últimos meses.

Programa Integral de Mellora de Operacións

O Complexo Ambiental de Miramontes implantou nos últimos meses o Programa Integral de Mellora de Operacións co gaio de minimizar os impactos na poboación en tódolos niveis e co que afronta algúns dos problemas xa detectados desde as firmas que operan no complexo e nos que se estaba a traballar dende había tempo. Asimesmo, neste programa tamén se recollen solucións a algunhas das reclamacións que nos últimos tempos formularon os veciños coa fin de buscar alternativas que aporten unha convivencia máis doada.

Este Programa Integral de Mellora de Operacións contempla a modificación do manexo dos residuos co obxectivo de minimizar os traslados destes e os episodios de malos cheiros que esporadicamente se puideron rexistrar. Ademais, contempla tamén a realización dun estudo olfatométicro, que supuxo un considerable desembolso económico, e co que dende o Complexo buscan atopar ferramentas para afrontar, con maiores garantías de éxito, este problema puntual de olores.

Á marxe da propia actividade dentro do complexo, este plan tamén busca atopar solucións a estes problemas puntuais de cheiros que poden ser derivados da actividade do complexo pero que non competen directamente ás empresas que aquí operan. Neste senso, o Complexo adquiriu unha responsabilidade para cos veciños que se traduce en extremar a limpeza dos camións e o toldado destes para tentar reducir os episodios puntuais derivados deste transporte.

Ademais, o Complexo Ambiental Miramontes mantén tódalas demais iniciativas de control ambiental que xa tiña incorporado no seu protocolo de actuación e que son unha garantía máis das medidas de seguridade para evitar calquera tipo de contaminación tanto no solo como nas augas da zona.

Informe de inspección ambiental

Como ben se recolle no informe de inspección con data do 7 de abril, o Complexo Ambiental Miramontes foi clasificado co grado de cumprimento da Autorización Ambiental Integrada cunha valoración de 2 (medio). Cabe indicar, neste senso que das cinco desviacións detectadas, catro débense á necesidade de incorporar as modificacións non substanciais notificadas á Consellería de Medio Ambiente á propia Autorización Ambiental Integrada (AAI) por parte da Administración. Polo que realmente só una destas desviacións correspondería á instalación, o que permitirá, unha vez resolta, pasar dunha valoración media a unha AAI alta, dacordo co criterio que marca a folla de inspección.

De feito, as desviacións pendentes de incluír na autorización ambiental integrada consistían: Aclaración de utilización de fosa séptica como sistema de depuración de augas residuais asimilables a urbanas; Comunicación de cambio de planta de osmoses inversa por unha planta de 180 m3/día; Comunicación de cambio sistema explotación; Comunicación de cambio sistema explotación amianto. De feito, en pouco máis de dous meses, o Complexo Ambiental Miramontes xa recibiu a modificación refundida da AAI contemplando todos os cambios detallados.

Garantías nos solos

Por outra banda, a firma Tecnosolos Galaicos, encargada da elaboración dos solos destinados a recuperar a cuberta vexetal do oco mineiro, e que tamén se integra no Complexo Ambiental Miramontes, tras unha ardua posta en marcha polas particulares características do sector no que desenvolve a súa actividade, foi mellorando día a día dende o seu comezo, tanto na calidade do material elaborado, coma nos procesos de elaboración, o que xunto coas medidas de control analítico dos mesmos que leva a cabo por medio dun laboratorio acreditado externo, que representa unha parte importante dos seus custes, permiten garantir a calidade e adecuado funcionamento dos tecnosolos que se están a aplicar nas zonas da canteira en restauración, como teñen comprobado os veciños e veciñas que xa visitaron o Complexo.

Garantías nos efluentes

A auga de choiva da instalación é conducida a un sistema de balsas de decantación, que se ten convertido xa nun biótopo de alto valor a carón do río; e todas a augas “sucias” son conducidas a unha Planta de Depuración de ósmose inversa que depura o 100% das augas non pluviais que se xeran na instalación. Isto permitiu que todas a analíticas que realizan organismos independentes e a Xunta de Galicia veñan certificando, ano tras ano, a máxima calidade das augas, pozos, mananciais, etc. … do entorno e a inexistencia de afectación de ningún tipo.

Información directa

Pese á negativa da Plataforma, o Complexo Ambiental Miramontes mantén o seu ofrecemento e compromiso por aportar información de tódolos procedementos que se levan a cabo nas súas instalacións. Unha aposta que inclúe as explicacións de persoal profesional especializado nestes procesos. Para elo, dende o Complexo Ambiental Miramontes manteñen as súas visitas ás instalacións abertas a toda persoa que desexe coñecelas e que deben tramitarse na súa páxina web www.camiramontes.gal.

Comparte esta noticia