Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Colectivos culturais e veciñais alegarán para frear a Hidroeléctrica Reversible Xistral

Medran as voces en contra ante a posta en marcha da Central Hidroeléctrica Reversible Xistral, unha instalación de almacenamento de enerxía eléctrica baseada na operación dunha central de bombeo reversible. Un exemplo é a asociación de veciños de Recaré, que se reuniu en asamblea o pasado mércores e votou de forma unánime posicionarse en contra da central. Pola súa parte, a asociación Rebinxe, de estudo e divulgación da biodiversidade no medio rural, detectou no anteproxecto “afectacións significativas ambientalmente e non avaliadas”. Ademais, voluntarios e asociacións de concellos afectados axudarán aos veciños a prestar alegacións para impedir a construción da hidroeléctrica. Así o acordaron representantes de colectivos culturais e veciñais nunha reunión en Alfoz convocada pola plataforma de Veciños Afectados pola Macrocentral Hidroeléctrica Xistral.

 

Deste xeito, unhas 200 persoas de O Valadouro e Alfoz uníronse á Plataforma de Veciños Afectados pola Macrocentral Hidroeléctrica Xistral. Numerosos veciños da zona vense prexudicados pola central hidroeléctrica, como o caso de Ángel Fraga, que mercou unha finca en Vilacampa para apostar pola gandería. Porén, perdería o seu emprego de saír adiante a CHR Xistral, pois parte do depósito superior da instalación ubicaríase sobre o que hoxe son os seus terreos. Outro exemplo é Prudencio Cuba, presidente da Comunidade de Montes de Vilacampa, un colectivo de O Valadouro que se tamén se vería afectado polo embalse superior da central hidroeléctrica de bombeo. Andrés Vidal, natural de Racaré (onde se ubicaría o embalse inferior) afirma que “non é normal que se diga que se crearán postos de traballo cando o anteproxecto non o pon, ou que se fale de que se abaratará o prezo da enerxía de Alcoa cando poderían investir un millón de euros por cada MW”.

 

A CHR Xistral, cuxo anteproxecto presentou en decembro a firma aragonesa Atalaya Generación, implicará a construción de dous almacenamentos de auga que prexudican directamente aos veciños da zona: o almacenamento inferior, localizado ao sudeste da parroquia de Recaré, a cabalo entre os termos municipais de O Valadouro e Alfoz; e o almacenamento superior, ubicado ao sureste da parroquia de Vilacampa, a cabalo entre os termos municipais de O Valadouro e Ourol. O río Ouro utilizarase como punto para levar a cabo o enchido da instalación e para obter a auga necesaria para repoñer as perdas asociadas á evaporación. Ademais, instalaríase un sistema de bombeo que conectará o almacenamento inferior co superior. Así, afectará aos termos municipais de Alfoz, Ouro, Cervo, Xove e O Valadouro, especialmente a este último.

 

Segundo o anteproxecto, unha Central Hidráulica Reversible “implica a existencia dun emprazamento do dispoñibilidade de auga e cun salto neto dispoñible axeitado entre o almacenamento superior e o almacenamento inferior”. O documento indica que a central ubícase entre ambos almacenamentos e se conecta con eles mediante as conduccións, que en moitos casos incorporan as chamineas de equilibrio, que permiten á instalación manexar os transitorios hidráulicos. Na central dispóñense os equipos electromecánicos aos que se lles incorporan todos os elementos eléctricos necesarios para conectar a instalación coa liña eléctrica.

 

A infraestrutura, que xeraría ata 939 MW de potencia, tamén implicará a construción dunha caverna para ubicar a central; un conxunto de chamineas de equilibrio; conduccións entre os almacenamentos e a central; túneles e viais de acceso; a instalación dos equipos electromecánicos e das infraestruturas e aparamenta eléctrica; e as instalacións das obras auxiliares necesarias para completar a fase de construción e explotación. O acceso á CHR proponse tanto a partir do aproveitamento dos camiños existentes na zona, como a partir da execución de novas vías de acceso ás zonas da instalación onde non existan actualmente.

Comparte esta noticia