Colectivos ciclistas e ecoloxistas piden a Renfe en Galicia que permita transportar bicicletas no tren sen dificultades
Decenas de persoas pertencentes a colectivos ciclistas e ecoloxistas veñen de acudir coas súas bicicletas aos despachos de billetes das principais estacións ferroviarias do Eixo Atlántico para esixirlle á compañía poder transportar sen dificultades as súas bicicletas e así usalas despois nas cidades de destino. Nunha acción coordinada nas estacións da Coruña, Santiago de Compostela Compostela, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo-Urzáiz cubriron ducias de follas de reclamacións nas que pediron a Renfe que permita levar máis bicicletas nos trens e que non cobre suplemento por traxecto. Ademais, amosaron pancartas coa mensaxe “Bici no Tren Xa!”.
Segundo os colectivos, “en Galicia a intermodalidade entre o tren e a bicicleta é case unha andrómena”. A ausencia de trens de proximidade fai que os percorridos polo Eixo Atlántico só se poidan facer en trens de Media Distancia. Así, acusan a Renfe de poñer demasiadas dificultades para que neste tipo de trens as persoas poidan desprazarse coa súa bicicleta para despois empregala como medio de transporte sostible no destino. Cabe destacar que nos trens rexionais e MD galegos a compañía só permite subir tres bicicletas por traxecto completo e cobra un suplemento cando os traxectos son de máis de 100 quilómetros.
A propia Renfe afirma na súa web que “A combinación de Tren+Bici é clave para unha mobilidade urbana fluída e limpa, e ao mesmo tempo, os trens de Renfe son o medio ideal para combinarse co cicloturismo e ofertar unha solución eficaz para levar máis aló a afección por este deporte e, para moitos, modo de vida”. Porén, dende a organización do acto lembraron que “en Galicia estas son palabras baleiras de contido, pois isto só vale para as cercanías. As dificultades que pon Renfe para onde, como en Galicia, non se conta con este servizo, son moi elevadas e debería solucionalas. As grandes áreas urbanas de Galicia son das poucas do estado que carecen de trens de proximidade, malia contar con moitos percorridos que por tempo se enmarcan nesta definición”.
Os colectivos lembran que abordar a emerxencia climática para limitar o quecemento global a 1,5º para 2030 como reza o Acordo de París require, segundo indica a comunidade científica internacional (IPCC), facer baixar as emisións de Gases con Efecto Invernadoiro (GEI) de xeito moi rápido a nivel global. Para isto, é necesaria unha transformación social e económica en todos os sectores, sendo o transporte a principal fonte de emisións de GEI, un 34% en Galicia. Polo tanto, resulta imprescindible apostar polo transporte público e a mobilidade non motorizada.
Así, os colectivos (A Golpe de Pedal, Arousa en Bici, Composcleta, Conbici, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Mobi-liza, Mulleres Bicivisíbeis, Pedaladas, Verdegaia, Vigo Ciclábel) insistiron en catro puntos fundamentais: que Renfe procure unha solución para non limitar o número de bicis nun tren tres por traxecto; que se permita subir bicicletas sen encartar nos trens Avant; que o custe por levar a bici no tren sexa de balde, independentemente do número de quilómetros que se percorran; e que Renfe sexa consecuente coa súa campaña “Tren e bici para a mobilidade urbana” e que isto se aplique aos trens de MD en Galicia.