Case 800 persoas retiran 13 toneladas de residuos na XIV Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos”
A XIV Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” remata con 13 toneladas retiradas de residuos por un total de 793 persoas, “unha boa participación para os tempos que corren”. Segundo Proxecto Ríos, “houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados”. En cada unha das localidades, a actividade foi coordinada por diferentes entidades (asociacións ecoloxistas, asociacións culturais, fundacións, centro de ensino e concellos, chegando ás 67 entidades). Este ano fíxose a limpeza en 50 treitos de río e houbo concellos nos que participaron varias asociacións limpando diferentes ríos como o caso de Gondomar, Ames ou Santiago de Compostela. Malia que moitos grupos levan participando nesta iniciativa dende o seu comezo, neste ano continúan a sumarse novas entidades de moitos lugares de Galicia.
Segundo Proxecto Ríos, “ao longo destes trece anos podemos observar unha diminución de lixo nos treitos dos ríos apadriñados por estas entidades, aínda que en 2020 volveron a aparecer moitas rodas de automóbiles”. Neste caso, recolléronse residuos de todo tipo: rodas, baterías e motores de automóbiles, cristais, latas, pilas, mobles, ferralla, roupa, calzado, etc. Coma sempre, abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos…). Ademais, destacou a presencia de máscaras e as toalliñas húmidas para hixiene persoal. Proxecto Ríos comenta a necesidade de reflexionar sobre o uso destes artigos, “e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando os cauces e ribeiras”.
Segundo o programa, “o voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade”. Deste xeito, as persoas voluntarias denuncian que a situación nos ríos galegos debe mudar, sendo o motivo principal da realización de actividades coma esta. Cabe recordar que Proxecto Ríos é un proxecto promovido por ADEGA dende o ano 2005 e financiado por Augas de Galicia, que depende da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Para esta actividade contou coa colaboración dos concellos de A Estrada, Allariz, Ares, Ames, Arzúa, Carballo, Fene, Foz, Gondomar, Meis, Melide, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Teo, Tomiño, Verín e Xinzo de Limia.