Cambio Climático
Galicia únese á loita contra o cambio climático cunha estratexia na que busca implicar a todos e mudar o xeito de producir e consumir
Santiago acolle unha xornada de traballo na que tamén se apostou por seguir investindo en enerxías renovables
23-06-2017
Santiago de Compostela converteuse hoxe no centro de debate e presentación da Estratexia Galega de cambio climático e transición enerxética 2050. Unha estratexia que definirá o noso xeito de producir e de consumir nos próximos anos na loita contra o cambio climático e coa vista posta nas enerxías renovables e a eficiencia enerxética.
Esta xornada de presentación reuniu a figuras relevantes de distintas áreas do coñecemento co gaio de buscar unha implicación dende tódolos ámbitos. Unha cita na que o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo reiterou o compromiso da Comunidade cos obxectivos do Cumio de París de 2015. Obxectivos que pasan por manter o incremento da temperatura media global do planeta por debaixo dos 2º e, se é posible, por debaixo de 1,5º.
O presidente da Xunta avanzou que o seguinte paso será encargar aos grupos de traballos sectoriais a elaboración dun documento que definirá as liñas estratéxicas en todos os eidos nos que é preciso actuar: mitigación, adaptación, formación e sensibilización. Tamén se laborará un mapa de coñecemento e capacidades, a nivel autonómico, que terá como obxectivo centralizar calquera avance en materia de cambio climático.
Economía Circular
A xornada versou sobre conceptos claves de cara a ese obxectivo de loita contra o cambio climático como a Economía Circular, que aboga por un troco do modelo de producción e consumo, que vai un paso máis alá da reciclaxe. Nesta liña tamén se tratou un dos temas que máis afecta hoxe por hoxe ó noso medio ambiente, os plásticos, abogando por unha drástica reducción dos plásticos dun só uso.
Eficiencia enerxética
Sobre a mesa tamén se plantexaron retos como a eficiciencia enerxética, cara a transportes cada vez máis respectuosos co medio. E neste senso, ábrese un panorama esperanzador e verde. Así incidiuse na idea de que xa é técnica e económicamente factible prescindir de combustibles fósiles en dúas décadas. Así, tambén Feijóo abogou por camiñar nesa meta de reducir progresivamente a dependencia dos combustibles fósiles ata chegar, no ano 2050, a un modelo produtivo practicamente libre de emisións de gases de efecto invernadoiro.
Enerxías renovables
As enerxías renovables, serán un dos motores desta estratexia, de ahí que tamén foran amplamente tratadas nesta xornadas. Incidiuse na necesidade de aplicar políticas de fiscalidade verde, que primen as enerxias limpas (como a biomasa) e o consumo responsable.
A Comunidade galega -que contou cun investimento entre 2012 e 2015 de máis de 140 millóns- é a terceira que máis reduciu as súas emisións en España respecto do ano 1990. No ano 2015, último auditado, o 52,6% da electricidade xerada procedía de fontes renovables. E o consumo de enerxía primaria con enerxías renovables acada o 20,7%, superando o obxectivo marcado para o conxunto de España no horizonte do 2020.