Cambia a normativa sobre fertilización agraria: máis tempo, máis control e novas obrigas para os agricultores
A normativa sobre nutrición sostible dos solos agrarios sufriu varias modificacións. Co Real Decreto 934/2025, do 21 de outubro, introdúcense novos prazos e obrigas que afectarán directamente á maneira na que os agricultores planifican, rexistran e aplican os fertilizantes. Os cambios chegan tras meses de críticas do sector, e o seu obxectivo é claro: facer que a fertilización sexa máis eficiente e de maneira ambiental responsable, pero sen impor un calendario imposible de cumprir.
O decreto axusta o calendario do Real Decreto 1051/2022 para dar marxe ao sector agrario, mais mantén os obxectivos de fondo: reducir a contaminación por nitratos, mellorar a xestión do solo e profesionalizar o asesoramento técnico. En resumo, non se relaxan as normas, ordénanse os tempos.
Asesoramento técnico, o novo eixo do modelo
O núcleo da reforma é o asesoramento técnico en nutrición sostible, que pasa a ser obrigatorio, pero cun calendario máis realista. Os agricultores deberán contar con profesionais acreditados en medio ambiente e agronomía para deseñar plans de abonado e garantir o cumprimento normativo.
A obrigatoriedade adíase nas zonas vulnerables a nitratos, nas que será esixible desde xaneiro de 2027, e no resto do territorio, desde 2028. O Ministerio de Agricultura afirma que o obxectivo é “acompañar ao campo na súa adaptación, non sancionalo”, e evitar que a falta de persoal técnico frea a implantación dunha fertilización máis controlada.
O novo plan de abonado: planificación e precisión
O plan de abonado consolídase como o documento central do sistema. Cada agricultor deberá detallar que fertilizantes utiliza, en que cantidade, de que tipo e en que momento os aplica, sempre con base nunha análise técnica de solos e cultivos.
Entrará en vigor en dúas fases: a primeira, a partir do 1 de xaneiro de 2026, e será obrigatorio para as unidades de regadío e para os cultivos que se planten ou sementen entre o 1 de marzo e o 30 de xuño; e na segunda, a partir do 1 de setembro de 2026, para o resto de cultivos. O plan pretende rematar coa fertilización “a ollo” e fomentar decisións baseadas en datos agronómicos reais.
Rexistro de fertilización e caderno de explotación
O rexistro de fertilización, incluído no caderno de explotación, tamén se adía un ano: debía aplicarse en 2025, pero posponse ata 2026. Durante o período transitorio, os agricultores poderán usar papel ou formato dixital, aínda que este último será obrigatorio máis adiante coa implantación completa do Caderno Dixital de Explotación Agrícola (CUE).
Cada achega de nutrientes deberá rexistrarse nun prazo máximo dun mes, para garantir trazabilidade e control. O Goberno sostén que este cambio facilitará a supervisión ambiental e mellorará a eficiencia no uso dos recursos.
En liña coa normativa europea da auga
O decreto reforza a coordinación co Regulamento do Dominio Público Hidráulico e coa Directiva de Nitratos da Unión Europea. Con iso, España busca cumprir cos compromisos europeos en materia de contaminación difusa e avanzar cara a unha agricultura máis compatible coa Política Agraria Común (PAC) e cos obxectivos climáticos de 2050.
A voz do campo: UPA pide apoio técnico e formación
A Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA) recibiu con alivio a reforma. “Adáptase moito mellor á realidade destas explotacións", sinalaron desde a organización. UPA lembra que as explotacións familiares e de menor tamaño son as máis afectadas polas novas obrigas. “Queremos cumprir, pero precisamos asesoramento real e formación. Sen apoio técnico, a dixitalización ou os plans de abonado convértense nunha carga”, advertiu un portavoz.
Sen embargo, a UPA advertiu de que "seguirá traballando para que a normativa teña en conta as limitacións de moitas explotacións nas que a súa base territorial ofrece problemas á hora de aplicar a normativa". A organización pide ao Ministerio e ás comunidades autónomas que reforcen os servizos de extensión agraria e os programas de formación en xestión de nutrientes, para que ningún produtor quede fóra da transición ecolóxica por falta de recursos ou coñecementos.
Impacto en Galicia: adaptación progresiva nun territorio con alta presión gandeira
En Galicia, onde a gandería intensiva e o uso de xurros son factores clave na xestión agraria, a nova normativa terá un impacto directo pero gradual. A Xunta deberá coordinar co Ministerio a implantación dos plans de abonado e o asesoramento técnico, especialmente nas zonas declaradas vulnerables á contaminación por nitratos, como A Limia ou Terra Chá.
O adiamento dos prazos permitirá ás explotacións galegas adaptar os seus sistemas de almacenamento, aplicación e rexistro de xurros e esterco, unha das principais preocupacións do sector. As cooperativas e servizos técnicos agrarios xa traballan en ofrecer modelos de plan de abonado simplificados e en capacitar aos gandeiros para o uso do caderno dixital.
UPA-Galicia advirte, porén, que o desafío non é menor: “Galicia precisa asesoramento de proximidade e axudas para modernizar as instalacións de xestión de xurros. Se non, o cumprimento será imposible para moitas granxas”, sinalan desde a organización.