Axudas tralos lumes
A Xunta adiantará ata o 25% das axudas concedidas para sufragar os danos causados polos incendios forestais de outubro
O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a orde pola que se establece a posibilidade de solicitar o pago adiantado
22-12-2017
A administración autonómica xustifica que esta iniciativa responde á constatación de que existen persoas que non poden iniciar as obras de reparación das vivendas por non contar con recursos para as primeiras actuacións ou pola dificultade para acceder a liñas de préstamos.
Os beneficiarios das axudas destinadas a sufragar os danos nas vivendas e no seu enxoval doméstico causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro, poderán solicitar pagamentos anticipados de ata o 25 % do importe da subvención concedida.
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a orde pola que se establece a posibilidade de solicitar o pago adiantado. Isto responde á constatación de que entre os damnificados existen persoas que non poden iniciar as obras de reparación das súas vivendas por non contar con recursos para facer as primeiras actuacións ou pola dificultade para acceder a liñas de préstamos para o seu financiamento.
Co obxectivo de arranxar estas dificultades regúlase a posibilidade de cobrar por adiantado ata o 25 por cento do importe da subvención, xa que a orde que regula estas axudas establece que se pagarán unha vez realizadas as obras.
Os interesados deberán presentar solicitude ante a Xunta, concretamente ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), no modelo que acompaña á Orde publicada no Diario Oficial de Galicia. Aquí, pódese ampliar a información.