Augas de Galicia tramita unha autorización de vertidos encuberta para a mina de Touro
Esta semana finaliza o prazo de exposición pública ao que Augas de Galicia someteu o “Proyecto de Drenaje Integral de la Concesión de Explotación San Rafael”, presentado pola empresa Explotaciones Gallegas, S.L., facéndoo pasar por unha obra en zona de cauces. Segundo Ecoloxistas en Acción, o proxecto implica “unha autorización de vertidos de augas residuais mineiras nos cauces pluviais da zona e supón ademais unha modificación substancial do proxecto definitivo de abandono e clausura da instalación e do plan de restauración”. Unha das autorizacións solicitadas afecta o río Portapego, que atravesa o Concello de Touro. Este cauce fluvial é coñecido pola súa profunda degradación e os altos niveis de contaminación, e tamén por protagonizar desbordamentos que puxeron en risco o ambiente da zona, a calidade das augas e a saúde das persoas.
Malia o calado das actuacións previstas, o proxecto foi tramitado como “obras en zona de cauces”, que é o mesmo previsto para actuacións menores, como o peche de fincas, ou a realización de obras en vivendas. O trámite implica menos días de exposición pública en comparación co da autorización de vertido, e non require informes sectoriais. Segundo Ecoloxistas en Acción, “o que está tramitando actualmente Augas de Galicia como obra en zona de policía de cauces, é unha modificación do sistema de drenaxe dunha instalación de residuos mineiros dunha instalación de clase A, as de maior perigosidade”. O depósito figura no “Inventario de instalaciones de residuos de industrias extractivas cerradas y abandonadas en España que tienen un impacto medioambiental grave o que pueden convertirse a medio o corto plazo en una amenaza grave para la salud de las personas o para el medio ambiente” do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico..
Explotaciones Gallegas, Cobre San Rafael e Augas de Galicia pretenden darlle saída a este trámite con apenas 20 días de exposición pública e sen os preceptivos informes sectoriais que esixe o procedemento de autorización de vertidos. Augas de Galicia tenta camuflar o seu proceder ilegal utilizando eufemismos como “puntos de devolución” para o que en realidade son “puntos de vertido”.
Para Ecoloxistas en Acción, “as modificacións propostas non son de feito competencia de Augas de Galicia, e só terían cabida dentro dos procedementos de modificación do proxecto definitivo de abandono e clausura da mina”. En engaden: “o motivo de non facerse así representa unha tentativa de encubrir a actuación do Departamento de Minas que dirixe Paula Urías e supón un proceder ilegal por parte de Augas de Galicia”.
Organizacións ecoloxistas e veciñais da zona teñen solicitado repetidamente o acceso tanto ao plan de restauración vixente como ao proxecto de abandono e clausura das instalacións de residuos, atopando sempre coa negativa da Xunta. Por esta razón, consideran que se pode estar encubrindo a súa inexistencia. Segundo Cristóbal López, representante de Ecoloxistas en Acción, “están a forzarse os procesos administrativos en favor dos intereses das empresas mineiras. Isto pon en risco o medio ambiente e a saúde pública en áreas xa moi afectadas e vulnera os nosos dereitos cidadáns. Algo se esconde na política mineira da Xunta”.