Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


As posibilidades de Altri, para instalarse na Ulloa, redúcense aínda máis

O proxecto industrial de Altri e Greenalia en Palas de Rei enfronta un novo atranco que reduce, máis se é posible, as posibilidades de se instalar na Ulloa despois de que o Goberno central descartase autorizar a construción dunha subestación eléctrica e o reforzo das conexións na provincia de Lugo para darlle servizo e subministro eléctrico.

A Xunta de Galicia recoñeceu que este escenario deixa sen viabilidade a curto prazo á macrocelulosa, declarada estratéxica polo Executivo autonómico e obxecto dunha forte contestación social nos últimos meses. O anuncio foi adiantado polo secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, quen afirmou que “non haberá subestación eléctrica nin conexión para Altri en Lugo”. As súas declaracións anticiparon o rexeitamento que deixarí­a o proxecto fóra da planificación da Rede Eléctrica 2025-2030 e xeraron críticas na Xunta, que interpreta a medida como “un peche de portas a novas inversións industriais na provincia”.

Aínda que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) non comunicou formalmente a súa decisión aos promotores do proxecto Gama (Altri / Greenalia) nin ao Goberno galego, nunha reunión recente en Madrid entre a conselleira Lorenzana e o secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard, xunto con responsables de Red Eléctrica Española (REE), abordouse a planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica e analizouse a posibilidade de reforzar as conexións en Lugo. Segundo a Xunta, neste encontro transmitiuse que, en principio, non se contempla a construción de ningunha subestación nin reforzo da rede na provincia para garantir o subministro a Altri.

O MITECO sinala que a planificación 2025-2030 estará orientada a reforzar zonas vinculadas á produción de hidróxeno verde, á descarbonización de grandes industrias e ao crecemento do ferrocarril. O borrador prevé máis dun cento de actuacións nunha trintena de subestacións, pero ningunha en Lugo, o que impide garantirlle o subministro a Altri como pretende a empresa e a Xunta.

Neste contexto, Greenpeace pediu á Xunta que non autorice o proxecto de Altri en Palas de Rei se se confirma a exclusión da planificación eléctrica 2025-2030, tal como sinalara Besteiro. A organización ambiental argumenta que, sen o reforzo eléctrico, a iniciativa non só pon en risco o subministro industrial, senón que tamén podería ter impactos negativos sobre o medio ambiente na zona.

Os promotores do complexo, agrupados na sociedade Greenfiber, reaccionaron con cautela e sinalaron que non farán valoracións “sobre declaracións persoais” ata recibir unha comunicación oficial. A empresa confía en que as decisións “estarán baseadas en criterios técnicos e non políticos” e subliñou que mantén o seu compromiso coa iniciativa, pese ás dificultades.

O complexo de Palas de Rei aínda debe obter a autorización ambiental integrada (AAI) e a licenza definitiva de Economía e Industria. Pero a negativa a habilitar a infraestrutura eléctrica representa un obstáculo de grande envergadura, xa que a factoría necesita unha liña de alta tensión de 220 quilovatos entre Belesar e Mesón do Vento, así como a construción dunha subestación en Palas de Rei para garantir o subministro.

Comparte esta noticia