As peticións sobre o encoro das Conchas, Altri e a CRTVG quedan á espera de debate en Bruxelas
A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo decidiu non incluír, polo momento, tres cuestións presentadas por colectivos galegos que reclamaban atención sobre temas ambientais e de comunicación pública. Trátase das denuncias pola contaminación no encoro das Conchas, o rexeitamento á instalación da planta de celulosa de Altri en Palas de Rei e as queixas por suposta manipulación informativa na CRTVG. A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, lamentou a exclusión destas peticións e sinalou ao Partido Popular como responsable de que non se incorporasen á orde do día das próximas sesións tras votar en contra.
En relación co encoro das Conchas, situado entre os concellos de Bande e Muiños, a representante do BNG subliñou que se trata dun dos episodios de contaminación máis prolongados e coñecidos en Galicia. Lembrou que o encoro presenta niveis recorrentes de nitratos, toxinas e cianobacterias, e que unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recoñeceu a obriga da Xunta e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica) de adoptar medidas de saneamento. Esa resolución xudicial tamén advertiu de que a falta de actuación vulnera dereitos fundamentais ao afectar a saúde e ao medio ambiente.
No caso da macrocelulosa que a empresa Altri proxecta en Palas de Rei, Miranda lembrou que existen numerosas peticións cidadás e informes que advirten dos posibles impactos ambientais e sobre os recursos hídricos da comarca, e que estas preocupacións encaixan plenamente coas competencias do Parlamento Europeo en materia de protección ambiental. “Non se trata de impedir investimentos, senón de garantir que se cumpran as normativas ambientais europeas e que se escoite á poboación local”, explicou.
En canto ao terceiro asunto, as denuncias de profesionais da CRTVG sobre a falta de independencia informativa nos medios públicos galegos, Miranda criticou o que considera unha “dobre vara de medir” por parte do PP no tratamento deste tipo de cuestións. Lembrou que o Partido Popular apoiou en varias ocasións as comparecencias de traballadores doutros medios públicos, como RTVE ou TV3, e ao mesmo tempo opoñerse á participación dos galegos e galegas que tamén queren trasladar a súa experiencia.
Miranda sinalou que as tres peticións están directamente relacionadas coa lexislación europea en materia de medio ambiente, saúde pública e liberdade informativa, e lamentou que non se permita o seu tratamento nun foro comunitario. “Non é comprensible que se impida a comparecencia dos veciños e veciñas da Limia na Comisión de Peticións, cando o que buscan é facer visible un problema que leva anos sen solución”, afirmou.
A eurodeputada do BNG insistiu en que o seu grupo continuará traballando para que estas cuestións poidan ser debatidas na Eurocámara. Tamén expresou a súa intención de seguir colaborando cos colectivos veciñais, ambientais e profesionais implicados, co obxectivo de que “as preocupacións da cidadanía galega non queden fóra da axenda europea”.
A eurodeputada concluíu lembrando que “Galicia non pode quedar sen voz en Bruxelas cando se trata de cuestións que afectan á súa calidade de vida, ao seu medio natural e ao funcionamento democrático das súas institucións”, xa que “non son asuntos locais illados, senón cuestións que tamén competen á Unión Europea pola súa dimensión ambiental, social e democrática”.