Andaina na Limia
Amigas das Árbores da Limia organiza este sábado 30 unha xornada solidaria coas árbores que inclúe unha Andaina Interpretativa
Na xornada presentarán o DECÁLOGO dos DEREITOS das ÁRBORES co fin de protexer, coidar e tratar axeitadamente o arborado tanto urbano como o que integra os ecosistemas naturais
28-12-2017
O colectivo Amigas das Árbores organiza unha xornada en Solidaridade cas árbores cunha andaina Interpretativa este sábado 30 de decembro. Amigas das Árbores recoñecen que organizan esta actividade en solidariedade coas árbores para dar a coñecer unha «fraga máxica» e solidarizarse coas árbores que son maltratadas por falla de coñecementos, sensibilidade, cultura…
O punto de enccontro será en Xinzo de Limia a carón dos «plátanos» da Avda. de Celanova ás 12.00 horas (marco do camiño a Compostela). Ubicación na que se abordarán as obras comprometidas pola Xunta de Galicia e Concello de Xinzo de Limia. Ás 13.00 horas, desplazaránse ata a «Praza dos Ovos» (Xinzo). As árbores son seres vivas e precisan de protección, coidados, solidariedade…Nunca máis decapitacións, nunca máis feridas, nunca máis maltrato… Será o momento da lectura do decálogo dos «Dereitos das Árbores» . Un decálogo para protexer, coidar e tratar axeitadamente ao arborado tanto urbano como o que integra os ecosistemas naturais.
Petiscos e Caldiño de Nadal ás 14:30 horas na fraga do Bon Xesús. A saída da Andaina será as 15:30 horas na Casa do Mosteiro-Trandeiras (Xinzo da Limia). Trátase dun percorrido circular de 13 quilómetros (dificultade baixa) ou os que cadaquen queira facer. O roteiro percorre un dos mellores miradoiros do Val do Limia,Trandeiras, A Medorra, Penedo da Moura, O Castelo, Torre de Porteliña da Pena, Soutelo, Mosteiro do Bon Xesús… Entre lusco e fusco visitarán o Moái limiao. Os veciños e veciñas da Limia din que o «Moái», de centos de miles de anos dende o que se ve Antela e toda a chaira limiá e o máis alá, foi a peneda na que se inspiraron os habitantes de Rapa Nui para facer as súas famosas esculturas pétreas.
Tamén contarán cun Obradoiro de orientación-cartografía con xogo de pistas. Sorteo de agasallos ao remate da xornada e algunha que outra sorpresa máis. Contarán cun concurso no que quen acerte a localización do «Moái» e o seu nome, terá un agasallo especial.
O prezo das actividades máis o xantar é de 7 euros. O diñeiro recadado vai destinado a mercar árbores para plantar nas zonas calcinadas da Serra de San Mamede e do Larouco e a unha organización humanitaria.
Para participar na iniciativa cómpre apuntarse antes do mediodía do 29 de decembro en ITACA (Xinzo da Limia) 617122397; Casa do Mosteiro (Trandeiras) 635 440703; Amigos da Terra no 988 374318 ou no mail voluntariado.galicia@amigosdaterra.netou no 657 185348.
A proposta está organizada por Amigas das Árbores da Limia e conta coa colaboración de veciños e veciñas de Trandeiras e Soutelo, ITACA Tenda Ecolóxica, Casa do Mosteiro de Trandeiras, Panadería Outurelo, Amigos da Terra.
Máis información no telefono 657 185 348 (Xosé Santos)