Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Ana Miranda cuestiona ante a Comisión Europea a concesión do selo STEP á macrocelulosa de Altri

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, remitiu unha pregunta formal á Comisión Europea sobre a concesión do selo STEP ao proxecto da macrocelulosa de Altri por parte da Axencia Executiva Europea de Clima, Infraestrutura e Medio Ambiente (CINEA). Solicita aclaracións sobre o proceso de avaliación e pregunta se a Comisión tivo en conta os diferentes informes que alertan da contaminación que provocaría o proxecto industrial previsto para Palas de Rei.

No documento remitido, Miranda lembra que informes de expertos e organizacións como ADEGA, o Consello da Cultura Galega ou a entidade europea FERN se posicionaron en contra da iniciativa, que consideran unha ameaza para a biodiversidade do monte galego, a agricultura e as rías. A eurodeputada critica que se presente como un proxecto “limpo” un modelo que, ao seu xuízo, podería ter efectos moi graves sobre o medio ambiente.

“Como eurodeputada do BNG denuncio a campaña de propaganda que está a facer a empresa ALTRI despois de anunciar ese selo da Unión Europea, o selo da Comisión Europea chamado STEP, é dicir, un selo á excelencia polo uso de tecnoloxías limpas”, sinala Ana Miranda. “Denunciamos claramente que non son o uso en tecnoloxías limpas, senón que a Xunta de Galiza e o Goberno do PP ocultou e omitiu de xeito interesado no estudo do impacto ambiental respecto ás emisións potenciais dos gases que pode provocar a macrocelulosa de ALTRI”, engade.

A eurodeputada acusa ademais ao Goberno galego de ocultar quince elementos contaminantes que non foron trasladados á Comisión Europea, e avanza que solicitou información á Axencia Executiva Europea de Clima, Infraestrutura e Medio Ambiente para saber se na avaliación realizada para outorgar o selo de excelencia se tiveron en conta os informes sobre os efectos contaminantes. Pregunta tamén se, de terse en conta, a Comisión estaría disposta a revogar o selo.

Miranda lembra que o distintivo STEP é unha etiqueta de excelencia, pero non implica o acceso automático a financiamento europeo. “As galegas e os galegos non temos que pagar os pratos rotos da contaminación dunha empresa que o único que pretende é facer negocio a costa das nosas rías, a costa da nosa agricultura, a costa dos nosos montes, a costa da nosa terra”, afirma a eurodeputada, que insiste en que é necesario “denunciar alto e claro na Comisión Europea que non se tivo en conta o efecto nocivo que esta macrocelulosa pode ter”.

O BNG considera que o selo non garante financiamento e que forma parte dunha “campaña de propaganda amparada pola Xunta de Galiza”. Miranda sostén que o Goberno galego está promovendo unha imaxe de sustentabilidade arredor do proxecto que non se corresponde coa realidade dos seus impactos potenciais.

Entre as principais preocupacións está o consumo e vertido de auga. Segundo os datos difundidos pola eurodeputada, Altri pretende consumir un total de 46 millóns de litros de auga ao día, dos que 30 millóns serían vertidos contaminados ao río Ulla, a unha temperatura de entre 27 e 29 graos. Ese vertido, segundo advirte, afectaría non só ao río, senón tamén ás zonas pesqueiras e marisqueiras da ría de Arousa, unha das áreas máis produtivas e sensibles do litoral galego.

A advertencia súmase ás críticas xa expresadas por colectivos ecoloxistas, culturais e profesionais do mar, que veñen reclamando unha avaliación independente e transparente do impacto ambiental da planta. Tamén se engade á serie de iniciativas que o BNG está a impulsar tanto no Parlamento Europeo como no galego para frear a tramitación do proxecto e reclamar un modelo industrial alternativo baseado na sustentabilidade real e non en selos que, segundo Miranda, “non poden ocultar a realidade contaminante da macrocelulosa”.

Comparte esta noticia