Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Ana Miranda alerta sobre incumprimentos na dragaxe da Ría do Burgo que ameazan a súa rexeneración biolóxica

Ana Miranda, eurodeputada do BNG, reuniuse coa Confraría de Pescadores da Coruña, na que se integra a agrupación de pescadores e mariscadoras, co fin de avaliar a evolución da dragaxe da Ría do Burgo e o impacto das obras de saneamento nos bancos marisqueiros. Miranda resalta que a dragaxe da Ría do Burgo non cumpre cos criterios de rexeneración biolóxica ao cultivar só dúas especies das catro que corresponden a esta área, como a ameixa babosa, a ameixa xapónica, a ameixa fina e o berberecho. Ademais, pide que o sector marisqueiro poida recibir axudas transitorias mentres non comece a extracción.

A eurodeputada nacionalista cuestiona a forma en que leva a cabo o saneamento da Ría do Burgo, por non cumprir coas normas europeas ambientais e non prestar atención ás demandas do sector, que non están a ser consideradas para a rexeneración do espazo, tal como denuncia a Confraría. Ana Miranda anuncia que solicitará unha visita ao espazo para avaliar os traballos que se están levando a cabo e que se fale coa confraría neste momento “tan importante para o futuro do sector extractivo”.

Con todo, Miranda advirte sobre a posibilidade de que "se pretenda facer a semente das especies na época menos idónea". Do mesmo xeito, quere saber se existe o perigo de perder os fondos europeos e se se espera a mellor época para realizar a semente. Pois, considera “esencial” que os mariscadores e mariscadoras reciban axudas mentres non se pode levar a cabo a extracción, xa que “é necesario ter en conta o tempo de crecemento das sementes”, un tempo no que non poderían traballar.

Este compromiso con esta causa por parte da eurodeputada vén de varios anos. En 2013, a Confraría da Coruña presentara unha denuncia na Comisión de Peticións despois de que unha misión de investigación formada por eurodeputados visitara a Ría do Burgo para avaliar o nivel de contaminación existente e a cantidade de lodos acumulados durante anos. Esta visita repetiuse en marzo de 2019. Debido á contaminación da Ría do Burgo, o número de pescadores e pescadores diminuíu significativamente nos últimos anos, pasando de 2.600 hai anos a menos de 100 antes do inicio da dragaxe. Polo momento, Ana Miranda comprométese a “non pechar a denuncia ata que se complete o saneamento da Ría do Burgo”.

Comparte esta noticia