Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


ADEGA reacciona ante o novo Plan Hidrolóxico Miño-Sil resaltando a necesidade de protección e recuperación dos ríos

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) indica nun documento de alegacións á proposta da revisión do Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil (PHMS) para o ciclo 2021-2027 diversas consideracións xerais e específicas. Por unha banda, considera que o PHMS debería incluír os seguintes instrumentos de planificación: un Plano de restauración dos ecosistemas fluviais e masas de auga superficiais; un Plano de mellora integral dos ecosistemas fluviais; un Plano de recuperación dos humidais e de restauración hidrolóxico-forestal das bacías; e un plano de saneamento dos recursos fluviais e masas de auga superficiais.

 

ADEGA indica que o novo PHMS debería declarar aos ríos galegos da súa competencia como zonas libres de novos aproveitamentos hidroelécticos, xa que son os principais responsables do deterioro do seu estado ecolóxico. A organización destaca que o PHMS debería incorporar no seu apartado normativo a paralización da concesión de novos aproveitamentos hidroeléctricos acordada polo Parlamento de Galicia. “Os novos aproveitamentos e modificacións dos xa existentes actualmente en tramitación, deberían decaer tras a entrada en vigor da proposta de revisión de PHMS”, engade ADEGA.

 

A asociación tamén indica que, no actual contexto de mudanza climática, a proposta de documento de planificación debería ter en conta non só os principios e determinacións contidas na DMA, senón “considerar tamén o recollido nos compromisos internacionais subscritos polo Estado español no marco dos acordos climáticos internacionais e europeos, así como nos planos estratéxicos aprobados a tal efecto”. Ademais, propón que a presente revisión do PHMS incorpore un Plano de resiliencia para o conxunto das masas de auga atinxidas polo PHMS.

 

Ademais, a organización destaca que “os expedientes de caducidade revisión ou rescate dos dereitos concesionais deberíanse iniciar de oficio para aqueles aproveitamentos que incidan na deterioración do bo estado das masas de auga e impidan a consecución en prazo dos obxectivos fixados pola Directiva Marco de Auga (DMA) sen máis adiamentos e resorvelos no prazo que marca a normativa”. Así, ADEGA afirma que a finalidade deberá ser restaurar as masas de auga ao seu estado natural. Por outra banda, a asociación fai unha mención especial ás centrais reversibles ou de bombeo, infraestruturas que conectan dous encoros xa existentes mediante centrais de turbinación e pretenden acumular electricidade producida. Precisan de importantes obras públicas durante a súa execución e contribúen a alongar os impactos das infrastruturas xa existentes sobre as bacías fluviais e os ecosistemas circundantes. ADEGA propón que estas infraestruturas non poidan desenvolverse dentro dos espazos que conforman a Rede Natura 2000, nin afectar ás zonas protexidas.

 

En canto á preferencia de usos, ADEGA demanda máis sensibilidade ambiental e máis rigor con minas e eucaliptos. A orde de preferencia de usos proposta no documento de revisión do PHMS inclúe en segundo lugar “outros usos ambientais”. A asociación entende que non representan o conxunto de usos e aproveitamentos de carácter ambiental e que deberían denomminarse “usos ambientais”, sen máis. En definitiva, o novo documento de planificación para demarcación hidrográfica Miño-Sil “debería ser moito máis ambicioso na protección e recuperación dos nosos ríos, para poñerse altura dos impactos e ameazas que a mudanza climática está a provocar en todos os ecosistemas húmidos do planeta”. Polo tanto, eliminar barreiras, restaurar as bacías e xestionar o recurso con criterios ecolóxicos xa é unha necesidade.

Comparte esta noticia