Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


ADEGA outorga os premios Osíxeno e Dioxina 2021

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) ven de lembrar a 21ª edición dos premios Osíxeno e Dioxina. Con estes galardóns, ADEGA pretende subliñar o mellor e o peor do pasado ano dende a perspectiva ambiental e ecoloxista. A asociación indica que este 2021 “prémiase en positivo a loita fronte a invasión eólica, o estudo dos ecosistemas fluviais e a vitoria xudicial de APDR fronte ENCE”. Porén, destácanse as malas actitudes e accións contra o medio ambiente por parte da Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e de Sogama. A entrega de premios será no discurso da 46ª Asemblea Xeral de ADEGA, o domingo, 27 de marzo, ás 13:30 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames).

 

A asociación ecoloxista concede o Premio Osíxeno de Honra 2021 a Fernando Cobo, profesor titular do departamento de Zooloxía da USC e ex-director da Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con, “polo seu excelente traballo ao fronte deste centro de investigación durante máis de 16 anos e a súa constancia no impulso de proxectos e estudos que contribuíron a coñecer máis e mellor os nosos ríos, tanto dentro, como fóra das nosas fronteiras”. Ademais, ADEGA resalta a súa actitude colaborativa co ecoloxismo galego.

 

Por outra banda, os premios Osíxeno 2021 galardoan as mellores actitudes ou actuacións ambientais do pasado ano, tanto de forma individual como colectiva. ADEGA outorga o premio Osíxeno individual 2021 a Aranza González, presidenta da Asociación Aire Limpo nas Mariñas e secretaria da Comunidade de Montes Veciñais de Monte de Gato. A principal razón é a súa actitude “resiliente e mobilizadora” fronte a invasión eólica das Terras do Mandeo e As Mariñas Coruñesas. Con este premio, ADEGA tamén quere recoñecer na persoa de Aranza o traballo que están a desenvolver as mulleres na defensa do territorio galego.

 

En canto ao premio Osíxeno colectivo 2021, a asociación ecoloxista decidiu outorgarllo á Asociación Para a Defensa da Ría (APDR), xa que en 2021 “conqueriu unha importante vitoria xudicial para o futuro da ría de Pontevedra”. ADEGA lembra que esta asociación “acadou sentenza favorable da Audiencia Nacional pola que se anula a prórroga extraordinaria que permitiría a ENCE permanecer en Lourizán até o ano 2073, constituíndo este feito o principio do fin da continuidade de ENCE na ría de Pontevedra”. En 2021, APDR tamén pediu o peche cautelar da factoría de ENCE en Lourizán tras as declaracións do seu presidente.

 

En canto á parte negativa, os premios Dioxina 2021 entréganse a persoas e colectivos que protagonizaron as actitudes ou accións máis nefastas para o medio ambiente galego durante o ano. O premio Dioxina individual 2021 é para Conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galiza, Ángeles Vázquez, “por non respectar os órganos de participación pública e vetar a votación da moratoria eólica no Consello de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel (COGAMADS)”. ADEGA indica que durante o pasado ano, Vázquez “fixo caso omiso das constantes apelacións do ecoloxismo e da sociedade galega en xeral que lle instou ampliar a rede de espazos protexidos, Rede Natura 2000, e a actuar contra as ilegalidades e os abusos que están a cometer as empresas enerxéticas en contra da contorna natural e das persoas”.

 

Por outra banda, ADEGA concédelle o premio Dioxina colectivo 2021 ao Complexo de xestión de residuos de SOGAMA, participada pola Xunta nun 51%, “por mentirlle descaradamente a sociedade galega sobre os seus avanzos na adaptación á economía circular e á sutentabilidade e constituír un lastre ambiental, económico, histórico e social para o cumprimento dos obxectivos europeos en materia de residuos”. A asociación ecoloxista destaca que a Xunta adxudicou en 2021 a xestión da incineradora, que custou ao erario público 238 millóns de euros por un período de 3 anos.

Comparte esta noticia