ADEGA organiza unha xornada informativa e unha semana de limpezas de ríos no concello de A Coruña
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) organiza unha semana de limpezas de ríos e unha xornada informativa, no marco de convenio “A Coruña por uns Ríos Limpos” co concello de A Coruña e ao abeiro da semana do voluntariado. Así, durante a semana do 29 de novembro ao 5 de decembro, ADEGA convida a todo tipo de entidades (centros de ensino, asociacións de veciños, grupos particulares…) do concello de A Coruña a sumarse “á limpeza dos ecosistemas fluviais da cidade”.
Para a asociación ecoloxista, “a situación dos ríos debe mudar para que non sexan lugares de acumulación de lixo e se convertan en vertedoiros nos que se poden atopar diferentes tipos de lixo, dende motores de automóbiles ate residuos de hixiene”. Segundo ADEGA, a concienciación é imprescindible para evitar a estas accións, amosando á cidadanía da importancia dos ríos e regatos e o impaco medioambiental que poden chegar a causar este tipo de actos.
Con esta iniciativa, ADEGA pretende dar visibilidade “a unha problemática da que cada vez a xente é máis consciente e amosar como dunha maneira ecolóxica podemos preservar en boas condicións os nosos ríos e regatos”. A organización ofrecerá acompañamento aos grupos participantes, ademais dunha pequena charla inicial.
Ademais, a asociación lembra que hai un número limitado de actividades, polo que é precisa unha inscrición previa. O aforo completarase por orde de inscrición. Para anotarse nas actividades, os interesados deben mandar un correo a itziar@adega.gal ou chamar ao 981 57 00 99.
Xornada informativa do 2 de decembro
Ademais da semana de limpeza de ríos, o próximo xoves 2 de decembro terá lugar a xornada informativa «Preservación e coidado dos nosos ríos e regatos. Limpezas Ecolóxicas». O principal obxectivo é divulgar a importancia dos nosos ríos e regatos, ao mesmo tempo que amosar como se poden preservar e coidar dunha maneira eficiente e respectuosa. A asociación ecoloxista pensa que “a educación da cidadanía é unha ferramenta fundamental para a preservación do noso medio ambiente”. A xornada terá lugar no local Asociación Cultural de Alexandre Bóveda e será das 17:00 horas ás 20:00 horas.
Programa:
– 17:00 horas. Recepción de participantes e presentación da xornada.
– 17:20 horas. Mesa redonda:
Mª José Servia; UDC. «Bosques de ribeira e servizos ecosistémicos: tamén en Coruña?».
Manolo Soto; UDC. «Contaminación nos ríos».
Verónica Torrijos; OMA. «Depuración ecolóxica de augas residuais. Do río ao mar.»
Paco Bañobre; Proxecto Ríos, ADEGA. «O papel do voluntariado nas Limpezas de Río».
– 19:00 horas. Debate.
– 20:00 horas. Peche da xornada.