ADEGA oponse ao novo dique que quere construír o porto deportivo de Sanxenxo fronte á Carabuxeira
A Asociación para a Denfensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) alega en contra das obras dun novo dique fronte as praias de Carabuxeira e Lavapanos de Sanxenxo e o seu recheo artificial promovidas por Nauta Sanxenxo para corrixir, teoricamente, a alteración que o porto deportivo produce nos areais da contorna. Segundo ADEGA, Nauta Sanxenxo, a sociedade municipal que xestiona o porto deportivo desta localidade ven de solicitar permiso da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para colocar un dique perpendicular á praia de Carabuxeira, de 100 metros de longo de formigón armado. O obxectivo é corrixir a alteración hidrodinámica que o porto deportivo de Sanxenxo exerce sobre este areal e o de Lavapanos. Este proxecto propón ademais o deitado de 24.000 m3 de area sobre a praia de Carabuxeira e 3.000 m3 enriba de praia de Lavapanos, así como a ocupación de 350 metros do paso de servidume do dominio público marítimo-terrestre enriba de cantís naturais.
Así, ADEGA solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta que denegue a autorización ambiental deste proxecto por promover actuacións que, “non só non solucionarán a problemática da regresión dos areais de Carabuxeira e Lavapanos, senón que agravarán a alteración das correntes mariñas, suporán un importante impacto para os hábitats e especies mariñas, e aumentarán a presión urbanística sobre o mar inicidindo de forma moi negativa sobre o ecosistema natural”.
Ademais, ADEGA expresa que o proxecto de construción chamado eufemísticamente “Rexeneración das praias de Carabuxeira e Lavapanos e obras de acceso”, non propón ningunha solución que incida nas causas de orixe da problemática da regresión dos areais: a infraestrutura do porto deportivo de Sanxenxo. Porén, prevé a incorporación de máis infraestruturas de formigón no mar e o aporte artificial de area que habería que repoñer de forma recorrente.
Defectos na avaliación ambiental do proxecto
ADEGA advirte que a proposta de avaliación ambiental do proxecto de Nauta Sanxenxo carece de rigor. “Ademais de non contemplar alternativas de solución real sobre o porto deportivo de Sanxenxo, non avalía cal pode ser o impacto do novo espigón sobre os fondos mariños e os hábitats de interese comunitario presentes na zona, como é o caso das comunidades bentónicas de algas e invertegrados (113010 Estuarios), hábitat recollido na Directiva 92/43/CEE. A asociación revela que “tampouco analiza que impacto sufrirán aquelas comunidades de animais que viven no areal e que se verán directamente afectados polo aterramento ou deitado de area”. Así mesmo, “a remoción de area podería favorecer a contaminación biolóxica, contribuíndo a estender as especies exóticas invasoras, que o propio documento de inicio do proxecto recoñece que existen na zona”.
Malia a estimar que o retroceso promedio da zona de costa obxecto de estudo por causa da mudanza climática estaría en 5,3 metros para o período 2018-2100, as actuacións programadas desprezan a certeza do incremento do nivel do mar, xa que favorecen os impactos do cambio climático sobre a costa.
Impacto no sector produtivo
Segundo a asociación, o recheo dos areais e a construción do espigón afectarían a catro bancos marisqueiros dos cales 2 se explotan comercialmente na actualidade polas confrarías de Sanxenxo e Bueu, Lourizán, Pontevedra, Portonovo, e Raxó. Na proposta de Nauta Sanxenxo “tampouco se determina como estas obras afectarían ao estado de conservación destes bancos marisqueiros e á actividade produtiva relacionado coa extracción de longueirón e poliquetos máis alá do período de construción das obras”.
Por todo isto, ADEGA insta a Nauta Sanxenxo e ás autoridades públicas con competencias no litoral, que abandonen as propostas de intervención urbanística agresivas co dominio público marítimo-terrestre e cos hábitats e especies que nel habitan, “promovendo pola contra accións que tendan a liberar de infraestruturas innecesarias a primeira liña de costa e a corrixir os efectos do cambio climático”.