ADEGA lembra os 15 anos do CGEA e advirte da pasividade da administración
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) lembra que esta semana cúmprense 15 anos da aprobación do Decreto 88/2007, polo que se regula o Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA). “Eran 193 especies de animais e plantas as listadas, 74 delas En perigo de extinción e 119 Vulnerables, isto é, no chanzo previo a perigo de extinción”. Segundo a asociación ecoloxista, nestes 15 anos houbo unha actuación do CGEA, que ampliou a 126 as especies Vulnerables. Ademais, indica que o CGEA de 2007 mellorou a calidade dun documento previo (de xuño de 2004) que incluía na lista galega aves como o pimpín azul de Gran Canaria Fringilla teydea polatzek, ademais de especies “de interese especial” tampouco citadas en territorio galego.
ADEGA resalta que, con todo, algunhas das especies incluídas no documento previo de xuño de 2004 foron descartadas en 2007. Por outra parte, mantivéronse no CGEA outras especies de aparición irregular en Galicia, “e polo tanto de difícil xestión a nivel de conservación, como o miñato real Milvus milvus e a aguia perdigueira Aquila fasciata”. A asociación indica que tamén se incluíu o morcego rateiro mediano Myotis blythii, especie con só un rexistro en terras galegas, sen confirmación por xenética e para a que “non está clara a fiabilidade desta cita”.
Con “esas luces e sombras”, o CGEA foi adiante hai 15 anos. No decreto 88/2007 afirmábase que «A conservación da variedade da vida, na súas formas xenética, de especies e de comunidades, debe de ser un dos obxectivos prioritarios da política vixente». Porén, a asociación ecoloxista subliña que ese grande obxectivo non se cumpriu, pois houbo especies que “foron ignoradas a pesar dos traballos que advertían do seu declive”. No que respecta ás aves, a publicación en 2004 do Libro Rojo de las Aves en España provía información sobre especies de aves da comunidade galega que puideran entrar no CGEA como Vulnerables.
ADEGA tamén lembra que, en 15 anos do CGEA, o Consello de Goberno galego aprobou unicamente dous plans de recuperación e un de conservación, ademais de “revisar” un plan de recuperación. “Isto equivale a que desde 2007 aprobáronse os plans para apenas o 2,7% das especies En perigo de extinción e para o 0,8% das Vulnerables. A destacar, licitouse unha vintena de asistencias técnicas para máis de 50 especies catalogadas no CGEA, que dormen nun caixón sen ser aprobadas”. Neste sentido, algunhas des especies catalogadas están experimentando unha diminución poboacional importante, como é o caso da tartaraña cincenta Circus pygargus e da gatafornela Circus cyaneus.
Ademais, a asociación destaca a recente publicación do Libro Rojo de la aves de España e do III Atlas de las aves en época de reproducción en España. Ambos poñen o foco na evolución poboacional e da área de distribución das aves a nivel do estado español, con datos de interese para o territorio galego. Con todo, a “case nula aplicación do CGEA nestes 15 anos de auténtica inacción por parte da Xunta de Galiza fai imposible acubillar esperanzas de aplicacións do Libro Rojo en Galiza”. ADEGA advirte que “a aparente condena á extinción das tartarañas cincenta e gatafornela, vista con pasividade pola administración central, probablemente teña un paralelismo no declive de lavercas comúns, mouchos de orellas e outras aves e, quizais tamén, coa perda das poboacións de anfibios, réptiles, peixes, mamíferos, invertebrados e mesmo de boa parte das plantas nativas de Galiza”.