ADEGA lembra o labor do movemento ecoloxista para protexer os humidais galegos
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) ven de lembrar que a figura de humidal protexido galego “criouse durante o goberno bipartito mediante o Decreto 127/2008, ao que xa de entrada incorporáronse os 5 humidais Ramsar declarados polo Estado en Galiza”. Esta norma tamén criaba o Inventario de Humidais de Galicia (IHG), paso previo para incorporar novos humidais protexidos. Porén, malia que dende 2003 o IBADER xa tiña elaborado un Inventario con máis de 1.100 humidais galegos, ADEGA indica que a Xunta “negouse a tramitar a protección destes espazos e en 15 anos só se declarou un humidal máis como protexido: o Parque Nacional das Illas Atlánticas”.
A asociación ecoloxista indica que, durante este tempo, Galicia tiña unicamente protexidos outros 5 espazos máis: as rías do Eo e Ortigueira, a lagoa de Valdoviño e os complexos Umia-Ogrove e Corrubedo. Á súa vez, houbo numerosas intervencións sobre o territorio, como “ducias de parques eólicos e centos de plantacións de eucaliptos ocuparon e degradaron numerosas zonas húmidas, aproveitando este intencionado baleiro legal”. Esta anomalía administrativa compensarase a través da actualización de dúas ferramentas: os Planos Hidrolóxicos de Galicia Costa e o da demarcación Miño-Sil. Entre outras propostas, a representación ecoloxista trasladou a necesidade de incorporar como zonas protexidas o conxunto dos humidais inventariados no catálogo do IBADER dende o 2003.
ADEGA afirma que “as nosas demandas ao respeito veñen de ser aceptadas e figuran xa nos documentos definitivos de planificación que en breve serán publidados no DOG e BOE”. No marco da actual mudanza climática, a Directiva Marco da Auga impón medidas especiais de conservación para as zonas húmidas: ríos, lagos, xunqueiras, brañas, turbeiras e gándaras “adquiren unha dimensión chave e a súa protección tórnase estratéxica para amortecer os efectos adversos do clima, capturar carbono, regular o ciclo hídrico e manter a bodiversidade”.
“A reticencia das administracións a tomar en serio a protección dos nosos humidais provocou que moitos deles foran ocupados e degradados por todo tipo de infraestruturas, nomeadamente parques eólicos e plantacións de eucaliptos”, subliña a asociación. Así, a nova vaga eólica deberá ter en conta agora a presenza destas novas zonas húmidas protexidas, tanto polas afeccións directas como indirectas e sinérxicas. ADEGA advirte que nalgúns casos xa será tardem como para o Pozo da Lagoa en Corme, “desfeita polo repotenciamento do parque eólico do mesmo nome”. Porén, moitos outros humidais ameazados por eólicos aínda poden ser salvados da desfeita ao pasar a formar parte das zonas protexidas nas planificacións hidrolóxicas.
Por todos estes motivos, ADEGA insta á Xunta e ao Ministerio a “revisar de oficio as autorizacións ambientais concedidas para os parques aínda non construídos ou en tramitación que poidan afectar a algún dos 1.131 humidais arestora incorporados aos documentos de planificación hidrolóxica das bacías da súa respeitiva competencia”. O contrario, segundo a asociación, “sería outro exemplo da política de feitos consumados no que os poderes públicos voltarían ser cómplices da depredación dun patrimonio público tan sensíbel como son as nosas zonas húmidas”.