Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


ADEGA, en contra das accións de ENDESA en canto ao negocio do eucalipto

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) expresa a súa negativa ante as actuacións de ENDESA, que “teima en seguir a espremer a comerca do Eume”. A asociación revela que a empresa “xa deixou claro que pode facer o que lle peta co río, mais agora quere entrar tamén no negocio do eucalipto cun plantío de 543 hectáreas”. Despois de décadas de explotación dos recursos mineiros e hidráulicos da bacía do Eume, ADEGA recoñece que ENDESA xerou unha enorme débeda ambiental que as administracións nunca reclamaron. Despois de contaminar durante 50 anos coa súa central de carbón, a Xunta autorizoulle unha restauración «low cost» para convertir o enorme oco da mina de lignito nun mal chamado «lago».

 

A organización tamén fai referencia aos seculares e impunes incumprimentos dos caudais ecolóxicos no encoro da Capela, tamén no Eume, “que culminaron hai uns meses cun vergoñento episodio de contaminación do río, causado pola cobiza e a insubmisión da empresa: o río perténcelle e fai o que lle peta á marxe do que diga a Xunta”. O «incidente» resolveuse cunha proposta de sanción que, segundo ADEGA, rematará de seguro nun longo litixio xudicial. Ademais, destaca que, mentras tanto, a Xunta segue a demorar a aprobación do PRUX do Parque Natural das Fragas do Eume perpetuando a situación cada vez máis crítica dun espazo que ENDESA considera “o seu patio traseiro”.

 

As alternativas de ENDESA: ou eucaliptos ou lume

 

ADEGA critica a proposta de ENDESA de sementar de Eucalyptus nitens preto de 600 hectáreas na contorna da balsa mineira: “A empresa xustifica esta intervención pola necesidade de poñer en produción terreos abandonados fundamentalmente matogueiras, cuxa vocación debe ser exclusivamente forestal”. Ademais, a organización considera que a  empresa esquece intencionadamente que os hábitats de matogueira cumpren unha importante función ecosistémica. As plantacións forestais, máis aínda as de especies exóticas invasoras como o Eucalyptus nitens “perigosas para os ecosistemas forestais e semi-naturais” segundo ditame CC 30/2017 do Comité Científico Español de Flora e Fauna Silvestres, amosan unha menor biodiversidade que os hábitats de bosque natural e mesmo de matogueiras, teñen un elevado consumo de auga, unha alta escorrentía e baixa retención, aumentando a incidencia dos fenómenos erosivos.

 

Polo que atinxe á “delincuencia incendiaria”, esta non se relaciona coa natureza da coberteira vexetal, como indican os varios informes anuais da Fiscalía Delegada de medio ambiente, urbanismo e incendios do TSXG e si con outros factores de índole socio-económica, nos que por certo a constante presión das empresas forestais por ocupar cada vez máis territorio ten moito a ver.

 

Forte impacto sobre o patrimonio natural e cultural

 

Na memoria ambiental do plantío, ENDESA conclúe que malia que na cartografía consultada están presentes variados hábitats de interese europeo (4030, 4090, 6510, 3110) e mesmo prioritarios (4020*, 91E0*) listados no Anexo I da Directiva 92/43 CE de Hábitats, segundo os redactores do proxecto ningún deles está presente nas áreas obxecto de intervención, agás o hábitat 91E0* nun pequeno polígono de 3,98 hectáreas. Porén, nas fotografías son claramente identificables teselas dos hábitats de interese europeo e prioritarios anteriormente citados. No referente ás especies, a promotora conclúe que non detectou ningún individuo de especies ameazadas ou en risco das listadas no Inventario Español de Especies Terrestres e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Porén, ADEGA explica que “ecoloxistas e investigadores vimos realizando un seguemento da biodiversidade da bacía alta do Eume, incluída a área obxecto de intervención, e puidemos verificar a presenza de numerosas especies, concretamente 83 xusto na zona afectada polo proxecto”.

 

A asociación afirma que no inventario de afeccións ao patrimonio sinálase a presenza de numerosos elementos catalogados, principalmente mámoas e un castro afectados polo proxecto. De feito, “toda esta área podería ser considerada como unha zona arqueolóxica dada a importante concentración de xacementos presentes, aos que probabelmente habería que engadir algúns máis de térense desenvolvido campañas de prospección». ADEGA conclúe que a empresa limitarase a balizar e respectar un perímetro de 15 metros para as mámoas e 25 para os castros, e a aproveitar para a plantación as contornas de protección dos bens mediante un “subsolado superficial” de 25 cm.

Comparte esta noticia