ADEGA denunciará en Bruxelas a vulneración do dereito comunitario pola invasión eólica
Unha comisión técnico-xurídica da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) desprazarase a Bruxelas os videiros días 31 de agosto e 1 de setembro (convidada pola europarlamentaria do BNG, Ana Miranda), co obxecto de presentar ante a Comisión Europea dúas denuncias contra o Estado español e a Xunta por “vulneraren o dereito comunitario nos procedementos de autorización de instalacións eólicas en Galiza”. Ademais, ADEGA tamén presentará un informe xurídico no que se analiza a evolución histórica dende un punto de vista legal da implantación de proxectos de produción de enerxía eólica no país, e de que xeito tivo lugar ao marxe e contraria á normativa europea.
No que respecta ás denuncias, presentará dous documentos: un atinxirá á vulneración dos dereitos da cidadanía (en materia de acceso á información e participación pública) en relación aos proxectos eólicos en tramitación; e o outro denunciará o incumprimento das directivas comunitarias en materia de protección do medio ambiente.
ADEGA indica que o obxectivo destas accións é chamar a atención das autoridades europeas, concretamente da Comisión Europea, para que investigue o marco normativo no que se ampara a implantación eólica en Galicia e analice se desde os gobernos do Estado e a Xunta se incumpren as directrices europeas nas materias sinaladas. Así, a organización ecoloxista instará á CE a que adopte as medidas de advertencia ou sancionadoras que correspondan. Ademais, ADEGA achegará o sentir de gran parte da sociedade galega de rexeitamento ao actual modelo enerxético.
En representación de ADEGA acudirán a Bruxelas o secretario o técnico da organización, Fins Eirexas, a secretaria executiva, Belén Rodríguez, e o vogal de Dereito de ADEGA, Fernando de Abel Vilela, xunto co seu equipo legal.