Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


ADEGA denuncia os parques eólicos de Greenalia aprobados pola Xunta

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) ven de presentar dous recursos de alzada contra os parques eólicos de Greenalia (Bustelo e Monte Toural) recentemente aprobados pola Xunta. Segundo a asociación ecoloxista, “son, como moitos outros, exemplo de fragmentación artificial e danos a especies ameazadas e se a Xunta non recúa, acabarán no contencioso”. As instalacións dos parques eólicos “Bustelo” e “Monte Toural” promovidas por Greenalia sitúanse na contorna da Braña Rubia-Lagoa de Alcaián e nas proximidades do Monte Castelo. Segundo ADEGA, nesta reducida área atópanse en tramitación outro parque eólico, “Campelo”, promovido pola mesma empresa. “Son tres parques da mesma promotora, que coinciden na mesma área xeográfica e partillan infraestruturas. Son portanto, un mesmo parque eólico despezado en 3, para non superaren individualmente os 50MW de potencia e consecuentemente, seren tramitados pola Xunta”.

 

En palabras de ADEGA, esta práctica fraudulenta persegue acollerse ás vantaxes na tramitación administrativa derivadas da declaración de “interese especial” consonte a Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, declaración que as tres instalacións citadas xa acadaron mediante Resolución do 27 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas. Por outra banda, a fragmentación dun mesmo proxecto en varias partes pretende tamén evitar unha axeitada avaliación ambiental ao ignorar os efectos sinérxicos causados polo conxunto dos proxectos sobre os hábitats, especies, paisaxes, patrimonio, recursos e servizos ecosistémicos presentes nas áreas de desenvolvemento eólico atinxidas. “Este feito, xunto coas evidentes vantaxes administrativas que para a empresa supón a interesada fragmentación en tres proxectos, lesiona o exercicio dos dereitos cidadás de información e participación pública, perxudicando aos intereses xerais e mesmo aos particulares, ao mermarse a capacidade de resposta e de negociación coa promotora”, afirma ADEGA.

 

 

Impactos sobre especies endémicas en perigo de extinción

 

As obras destes tres parques eólicos afectan tamén a especies vulnerables e en perigo de extinción, e mesmo a endemismos botánicos únicos. Trátase da Lycopediella inundata (en perigo de extinción), a Euphorbia uliginosa (en perigo de extinción), a Spiranthes aestivalis (vulneable) ou a Centaurea ultreiae (en perigo de extinción). Para ADEGA, merece particular atención a Centaurea ultreiae Silva Pando. Esta planta é un endemismo galego cuxa poboación mundial total está composta por 6.821 individuos en perigo crítico de extinción. As principais ameazas sobre esta especie proveñen da fragmentación dos seus hábitats e da transformación do substrato. As medidas de conservación pasan pola restrición dos usos do territorio e o mantemento das actividades tradicionais e pouco agresivas evitando a apertura de novas pistas e viais. As obras dos parques suporán un risco de destrución do hábitat e de exemplares desta especie protexida.

 

Esta circunstancia é asumida pola empresa que, malia a descartar nos primeiros Estudos de Impacto a afección á Centaurea ultreiae, recoñeceu «unha posible afección sobre algún exemplar durante as obras dos outros proxectos que ten previsto executar na mesma contorna». Malia todo, a Xunta deu por boas as medidas compensatorias e autorizoulle os parques a Greenalia. Para «axustar» os seus proxectos, Greenalia contou ademais con información privilexiada: as memorias técnicas do Plan integral de recuperación e conservación das especies vexetais en perigo de extinción da zona de Bergantiños (Centaurea ultreiae Silva Pando e Euphorbia polygalifolia Welw. ExBoiss), documentos non públicos entregados en 2010 para a protección destas especies e que a Xunta, 11 anos despois, aínda non aprobou.

 

Por todo o anterior, ADEGA afirma que “hai razóns máis que suficientes para acudir nestes casos á vía xudicial, se como semella a Xunta vai manter a súa vontade de autorizalos. E hai outros parques eólicos en parecidas circunstancias contra os que dende ADEGA tentaremos actuar na medida das nosas posibilidades, logo de rematada a vía administrativa”.

Comparte esta noticia