ADEGA convoca mañá unha actividade aberta para eliminar a flora invasora do humidal de Baldaio
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) ten unha nova convocatoria do proxecto de Voluntariado ambiental para a conservación dos humidais e a flora da Costa da Morte. Trátase dunha acción de eliminación de flora invasora do Complexo Húmedo de Baldaio, no concello de Carballo. Terá lugar mañá, sábado 5 de marzo, en horario de 09:30 a 17:00 horas. A sesión de mañá estará dedicada a recoñecer as invasoras e proceder á súa eliminación, mentres que na sesión de tarde realizarase unha ruta polo Complexo Húmido de Baldaio para retirar lixo mariño así como descubrir os seus valores naturais e paisaxísticos.
A actividade ten como obxectivo eliminar flora exótica invasora “que pode chegar a ser un perigo para as especies ameazadas do espazo natural”. Esta actuación dá continuidade a un traballo que comezou hai uns anos en colaboración co Concello de Carballo e o Departamento de Votánica da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa creación das Microrreservas de Flora da Costa da Morte.
Cabe destacar que, nesta ocasión, o proxecto conta co apoio da Acción Social de CaixaBank a través da “Convocatoria de Medioambiente 2021”, que ofrece soporte a iniciativas encamiñadas á mellora do patrimonio natural a través da protección da biodiversidade, a innovación ambiental e a loita contra a despoboación.
As prazas son limitadas e é preciso inscribirse a través do correo electrónico ramses@adega.gal ou chamando ao 616 23 80 60.