Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


ADEGA alerta dunha nova ampliación da balsa de lamas vermellas de ALCOA en Xove e reclama o seu peche definitivo

A organización ecoloxista ADEGA presenta alegacións contra o novo proxecto promovido por ALCOA para ampliar a vida útil da balsa de lamas vermellas situada no complexo industrial de Xove. A iniciativa empresarial pretende prolongar a actividade do depósito máis aló do ano 2033, mediante un novo recrecemento dos diques até a cota 106, seis metros por riba do límite actualmente autorizado.

Segundo denuncia ADEGA, este movemento constitúe unha “fuxida cara adiante” que perpetúa o risco ambiental sobre toda a comarca da Mariña lucense, mantendo durante case unha década máis o que cualifican como unha “espada de Damocles” sobre o territorio e a súa poboación.


Unha sucesión de ampliacións que evidencia falta de planificación

A historia da balsa de lamas vermellas está marcada por sucesivos recrecementos ao longo das últimas décadas. Xa nos anos 1986 e 1995 se acometeron ampliacións para dar resposta ás necesidades produtivas da planta de alúmina. Posteriormente, en 2004, presentouse un novo proxecto autorizado en 2006 que permitiu elevar os diques até a cota 100, posibilitando o vertido de residuos até a cota 99.

Naquel momento, a empresa estimaba que esta capacidade sería suficiente para garantir a actividade durante aproximadamente 25 anos, é dicir, até o horizonte de 2029 ou 2030. Porén, sen que esa ampliación estivese sequera completada, en 2021 presentouse outro proxecto de recrecemento que foi autorizado pola Xunta en 2025, elevando os diques até a cota 104 e permitindo a acumulación de lamas até a cota 103.

Agora, sen ter finalizado esa última intervención, a empresa (a través da súa filial Alúmina Española) pretende ampliar novamente a capacidade do depósito para alongar a súa vida útil outros catro anos e medio. ADEGA subliña que todas estas previsións estiveron sistematicamente infraestimadas, cun cálculo á baixa do volume de residuos xerados, o que evidencia, ao seu xuízo, unha falta estrutural de planificación.


Cambio na perigosidade dos residuos

Un dos aspectos máis relevantes sinalados pola organización ecoloxista é o cambio na consideración das lamas vermellas durante a tramitación do actual recrecemento até a cota 104. Segundo a Declaración de Impacto Ambiental emitida en outubro de 2024, os residuos pasaron a ser clasificados como HPO4 (irritantes) e HPO8 (corrosivos).

Esta nova caracterización implica que as lamas vermellas deben ser consideradas como residuos perigosos baixo o código LER-01 03 10*, ao conter substancias potencialmente nocivas. Como consecuencia, foi necesario modificar tanto o plan de emerxencia interior como o exterior, e a balsa pasou a ser catalogada como instalación de “Categoría A”, segundo o Real Decreto 975/2009, o que implica un maior nivel de risco e esixencias de control máis estritas.


Unha autorización ambiental considerada obsoleta

A pesar deste cambio substancial na natureza dos residuos, o complexo industrial de ALCOA en Xove continúa operando cunha Autorización Ambiental Integrada (AAI) que, segundo ADEGA, non reflicte esta realidade.

Desde o ano 2020, a planta de alúmina, a de aluminio e o depósito de lamas funcionan baixo unha única AAI concedida pola administración autonómica. Porén, este documento segue considerando os residuos como non perigosos e a balsa como unha instalación de menor risco, o que condiciona os límites de emisións contaminantes e os protocolos de vixilancia e estabilidade.

A organización ecoloxista considera “inaceptable” que a empresa pretenda seguir ampliando a capacidade do depósito baixo unha autorización “desfasada e permisiva”, que non incorpora a nova clasificación dos residuos nin as implicacións derivadas da súa perigosidade.

Nas alegacións presentadas, ADEGA reclama á Xunta de Galicia que denegue a autorización deste novo recrecemento e obrigue á empresa a proceder ao peche, selado e clausura definitiva da balsa unha vez se alcance a cota 104 metros.

Ademais, esixe a revisión de oficio da Autorización Ambiental Integrada para adaptala á actual consideración das lamas vermellas como residuos perigosos. Entre as medidas propostas figura a actualización dos límites de contaminantes, con especial atención aos fluoruros presentes nos efluentes do proceso produtivo e do propio depósito.

Para a entidade ecoloxista, o caso da balsa de lamas vermellas de Xove exemplifica a necesidade de reforzar os mecanismos de control ambiental e de anticipación de riscos nunha instalación que, pola súa dimensión e características, ten un impacto potencial significativo sobre o territorio, os ecosistemas e a seguridade da poboación da Mariña.

Comparte esta noticia