ADEGA advirte sobre a ocupación das eléctricas do espazo mariño
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) explica que están en tramitación dous parques eólicos fronte a costa galega, mesmo antes de existir unha planificación do sector enerxético no mar: “Nen sequera agardaron á aprobación do Plano de Ordenamento do Espazo Mariño (PEM) que nestes intres tramita o Ministerio, e que aliás da enerxía atinxe a outras moitas actividades e usos que conflúen nas nosas augas”. Deste xeito, as eléctricas “pretenden reeditar a tola carreira por ocupar o espazo mariño tal como xa acontecera na terra, e as administracións galega e estatal están a deixarlles facer”.
A asociación explica que o desenvolvemento da enerxía eólica mariña carece dunha planificación propia. “Alén dos mapas do recurso, os dous estudos estratéxicos ambientais de 2007 e 2009, o RD 1028/2007 que só establecía os requisitos administrativos -papelaxe- para promover un PE mariño, non hai unha norma tipo «plano sectorial» que estableza as áreas aptas, as condicións de desenvolvemento, os criterios de exclusión, as interaccións con outras actividades, etc”. A organización recalca que no POEM teñen cabida moitas outras actividades máis alá da enerxía eólica. Así, explica que sería de interese que houbese unha planificación e desenvolvemento normativo propio non para a eólica en exclusiva, senón para a xeración de renovables no mar. ADEGA incide en que resulta inaceptable que se autorice o inicio da tramitación de dous proxectos eólicos mariós sen sequera terse aprobado dito Plano: “Só por este grave déficit de planificación nada casual, que só beneficia ás empresas do oligopolio eléctrico, rexeitamos de plano o aproveitamento da eólica mariña nas costas galegas e españolas”.
Os corredores migratorios das aves: facendo «slalom» cos parques eólicos
Segundo ADEGA, o POEM define unha serie de áreas, 5 na costa galega, denominadas de «uso preferente» e «alto potencial». Así, para chegar a esta delimitación, aplicouse unha “metodoloxía secuencial partindo da calidade do recurso no mar de Galiza”. A asociación explica que practicamente toda a plataforma continental galega amosa un recurso eólico (<7,5 m/s a 100m) susceptíbel de ser aproveitado. Nunha segunda iteración, descártanse aquelas áreas protexidas a nível estatal e autonómico (ZEPAS, IBAS -important bird areas-, ZEC e áreas críticas para 5 especies de cetáceos), así como corredores marítimos, accesos portuarios, servidumes de navegación aérea…). E nunha terceira secuencia, considéranse outros valores ambientais (corredores migratorios, áreas de interese para cetáceos, LICs en tramitación e espazos para completar a RN2000) mais non se exclúen do aproveitamento eólico estas áreas senón que actuarán como condicionantes na fase de avaliación dos proxectos puntuais que se presenten. ADEGA lamenta a “enorme miopía” do Ministerio ao esquecer que pola costa galega discorren algúns dos corredores migratorios de aves e cetáceos máis importantes do mundo.
A pesca artesanal, esquecida na planificación dos polígonos eólicos
No que atinxe á eólica mariña é a designación dos polígonos de «uso preferente» e de «alto potencial», ADEGA advirte que o POEM amosa un esquecemento insultante. Segundo a asociación, “semella que para o Ministerio, a pesca artesanal non é un factor de exclusión, nen sequera limitante, á hora de establecer as áreas de aproveitamento eólico”. Este inxustificado esquecemento que ignora as especificidades propias, ambientais e socioeconómicas das costas, “ben amosa até que punto o oligopolio eléctrico condiciona a planificación, ou déficit de planificación, da enerxía eólica mariña”. Dende ADEGA, exíselle ao Ministerio que paralice a tramitación de calquera parque eólico mariño mentres non se elabore unha planificación normativa propia para o aproveitamento enerxético nas augas de competencia estatal. Ademais, a asociación pídelle á Xunta que rexeite claramente este tipo de aproveitamentos na costa e antepoña a protección dos nosos mares e o futuro do sector galego do mar ás contas de beneficios das eléctricas.