ADEGA advirte de que o Ministerio incumpre a súa propia moratoria para a instalación de parques eólicos mariños en Galicia
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) indica que o Ministerio acordou en xuño de 2021 paralizar a admisión de novos parques eólicos mariños mentras non se aprobara un marco normativo para o sector. Porén, en novembro do ano pasado admitiu a trámite o parque eólico mariño “Nordés” de 1,2 GW con 80 aeroxeradores de 15 MW cada un, promotivo por dúas empresas do sector enerxético e de investimentos de capital internacional. Así, o Ministerio incumpre a súa propia moratoria para a instalación de parques eólicos mariños nas costas galegas.
A asociación ecoloxista revela que o desenvolvemento da enerxía eólica mariña en España carece dunha planificación propia. Unicamente no Plano de Ordenamento do Espazo Marítimo (POEM), aínda en tramitación, “hai referencias entre moitas outras actividades, ao desenvolvemento da eólica mariña nos mares do Estado”. ADEGA ten reclamado ao Ministerio que cando menos a xeración de enerxías renovables no mar contara cunha planificación e desenvolvemento normativo axeitado, como establece a “Folla de ruta da eólica mariña e as enerxías do mar en España” aprobada o pasado 10 de decembro.
En resposta ao expresado por numerosas organizacións e ante a ameaza dunha avalancha de proxectos que condicionarían o desenvolvento racional do sector, ADEGA indica que o Ministerio decretou unha moratoria a través dunha norma sobre a fiscalidade enerxética e da auga. Foi no “Real Decreto-ley 12/2021, de 24 de junio, por el que se adoptan medidas urgentes en el ámbito de la fiscalidad energética y en materia de generación de energía, y sobre gestión del canon de regulación y de la tarifa de utilización del agua». Na súa disposición adicional terceira poden lerse as “solicitudes de autorización administrativa de instalacións presentadas ao abeiro do Real decreto 1028/2007, do 20 de xuño, polo que se establece o procedemento administrativo para a tramitación das solicitudes de autorización de instalacións de xeración de enerxía eléctrica no mar territorial”.
Por unha parte, dende a entrada en vigor deste real decreto lei, e ata a aprobación polo Goberno dun novo marco normativo das instalacións de xeración de enerxía eléctrica no mar territorial, non se admitirán novas solicitudes de superficie de reserva de instalacións de xeración eólica mariña no marco do procedemento establecido no título II do Real decreto 1028/2007, do 20 de xuño. Tampouco se admitirán novas solicitudes de autorización administrativa de instalacións de xeración eólica mariña ao abeiro do disposto no artigo 32 do Real decreto 1028/2007, do 20 de xuño. Ademais, exceptúanse do disposto no apartado 2 “as novas solicitudes de autorización administrativa para aquelas instalacións de xeración eólica mariña que xa dispoñan de autorización administrativa previa ou asociadas á creación ou ampliación de infraestruturas de proba, demostración ou validación de prototipos e novas tecnoloxías asociadas á enerxía eólica mariña, incluída a infraestrutura de evacuación eléctrica necesaria, se é o caso”.
ADEGA revela que, segundo a documentación a consulta pública, o parque eólico mariño «Nordés» foi admitido a trámite o 30 de novembro de 2021, máis de 5 meses despois de que entrara en vigor a moratoria. Aínda que o texto da disposición adicional terceira pola que se establecía dita moratoria foi modificado posteriormente para incluir excepcións, o parque «Nordés» nin cumpre os requisitos ao non contar con autorización previa nin é unha instalación de investigación. Polo tanto, a asociación esixe á administración que desbote tramitar esta e outras instalacións eólicas no mar de Galicia, en cumprimento das súas propias normas, ata que non se aprobe un marco normativo propio para o sector.