ADEGA advirte da chantaxe da Xunta aos concellos do Barbanza para favorecer a SOGAMA e ECOEMBES
Medio Ambiente enviou cartas aos concellos da Mancomunidade Serra do Barbanza que opera a planta de Lousame por “supostos incumprimentos da normativa de residuos, exixindo melloras e cuestionando a viabilidade do sistema de recollida e compostaxe”. Son declaracións da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). A organización explica que “a consellaría esqueceu mencionar as ruinosas cifras de SOGAMA ocultando os reiterados incumprimentos legais que amosa o seu modelo e as consecuencias que para os concellos enganchados á incineración vai ter o establecemento de taxas aos tratamentos finalistas”.
ADEGA declara que a Xunta invoca o cumprimento da Lei galega de residuos (6/2021), a normativa estatal (RD 646/2020) e a europea (Directiva 2018/851) que establecen as condicións e obxectivos de reciclaxe das diversas fraccións dos residuos municipais. Ademais, sinalan que as cifras de reciclaxe (31.4% en 2020) do modelo de xestión da Mancomunidade do Barbanza «están moi lonxe de acadar estes obxectivos», a saber, o 50% de reciclado e un máximo do 40% a vertedoiro en 2025. A organización resalta que a Xunta só se amosa preocupada polos supostos incumprimentos do sistema Lousame, e non comente os resultados do sistema SOGAMA, cunhas cifras de reciclaxe moi baixas.
Os resultados evidencian que o modelo SOGAMA ao que están aderidos 295 concellos galegos “aplica tratamentos finalistas a máis do 96% dos refugallos municipais que recibe e xenera, reciclando só un 3,16%”. Pola súa banda, o complexo medioambiental do Barbanza reciclou en 2018 un 13% dos residuos recibidos, compostou a materia orgánica doutro 22,43% e enviou a vertedoiro, sempre previa triaxe, arredor dun 64%. En 2018 SOGAMA compostou 0% residuos orgánicos e que no Barbanza, “cero foi precisamente o que se incinerou”.
Cuestionar o modelo húmido/seco para favorecer a ECOEMBES
Segundo ADEGA, outro dos argumentos da Xunta para coaccionar aos concellos aderidos á planta de Lousame é o cuestionamento do modelo húmido/seco, debido a unha interpretación interesada e torticeira da Directiva 2018/851. “Para a Xunta, o contentor de inertes ao que no Barbanza van parar os refugallos non orgánicos, non permite unha axeitada separación das fraccións”. O único sistema válido para a Xunta é o de ECOEMBES, que está patrocinado polas grandes produtoras de residuos. A organización ecoloxista destaca que para cuestionar o modelo de recollida do Barbanza a administración galega válese dunha suposta «nota interpretativa» do MITECO que conclúe que o modelo húmido/seco non cumpriría co requerimento de recollida separada das fraccións.
En canto aos datos da Memoria de residuos do MITECO para 2018, ADEGA destaca que o sistema húmido/seco usado polos concellos da Mancomunidade “recupera case catro veces máis materiais por habitante e ano que SOGAMA co contentor amarelo de ECOEMBES”. A asociación apunta que a actual Directora Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta, asinante da carta, foi dende o ano 2012 ata o seu actual nomeamento responsable de asuntos científicos e regulatorios de Coca-Cola Iberia, unha das empresas “padroas” de ECOEMBES.
O “tarifazo” encoberto que prepara a Xunta para os concellos aderidos a SOGAMA
A Xunta advirte aos concellos da Mancomunidade que na nova Lei de residuos estatal trasladarase a obriga europea de gravar cun imposto as tratamentos finalistas. ADEGA menciona que a Xunta esquece que a incineración con ou sen recuperación de enerxía tamén será gravada, pero coidase moito en mencionar que máis do 96% dos residuos que trata SOGAMA acaban como tratamentos finalistas.
SOGAMA aplicou tratamentos finalistas a 931.846,68 toneladas de refugallos en 2018. Tomando como base o treito máis baixo (30€) que a Xunta indica como referenza do imposto, SOGAMA debería ter pagado unha cantidade por vertido/incineración próxima aos 28 millóns de euros en 2018. Cando entre en vigor esta medida, a asociación lembra que SOGAMA sacará os cartos “do que se lles cobra aos 295 concellos aderidos polo tratamento, o que suporá un encarecemento de arredor do 50% na factura do lixo”. Así, ADEGA insta á Xunta a “deixar a estratexia do matonismo e a ameaza para tentar desestabilizar o sistema de tratamento alternativo a SOGAMA da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza”.