Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Actívase a comisión para aplicar en Galicia os criterios de desenvolvemento sostible

Constitúen a entidade galega encargada de levar a cabo prácticas sustentables segundo os criterios da ONU

O organismo interdepartamental está composto por máis de 30 representantes e procurará acadar os 17 obxectivos sostibles a nivel social, económico e ambiental marcados polas Nacións Unidas

16-01-2019

A Xunta de Galicia puxo en marcha esta mañá a comisión interdepartamental de seguimento da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, unha folla de ruta aprobada polas Nacións Unidas no ano 2015 co obxectivo de dar os pasos necesarios para acadar un mundo máis xusto e sostible a través do impulso das iniciativas e políticas máis axeitadas.

O novo organismo, presidido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e integrado por máis de 30 representantes de todos os departamentos da Xunta, será o encargado de coordinar e dirixir os esforzos do Goberno galego nesta materia, tomando coma referentes os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (os chamados ODS) nos que se concreta a Axenda 2030 e que abranguen aspectos tan dispares como o fin da pobreza e da fame, a igualdade de xénero, o acceso a auga e ao saneamento, a produción e consumo responsables ou a busca de cidades e rexións máis sustentables.

Durante a primeira reunión de traballo da nova comisión interdepartamental, a conselleira incidiu en que estes 17 ODS nos que focalizan a súa atención as Nacións Unidas serán tamén a folla de ruta a seguir por parte do Goberno autonómico “para transformar Galicia”. As principais funcións desta comisión interdepartamental serán coñecer e buscar iniciativas, plans e programas xa existentes en cada un dos eidos sinalados polos ODS; propoñer novas accións para avanzar na consecución destes obxectivos; instar a outros organismos, públicos e privados, a impulsar medidas similares; e facer un informe de seguimento para verificar o cumprimento das metas fixadas pola Axenda 2030. O novo organismo traballará organizado en tres grupos (económico, social e medioambiental) co fin de abranguer todas as dimensións do desenvolvemento sostible e dos 17 ODS.

Proxectos encamiñados á sostibilidade

Os máis de 30 vogais que o integran, en todo caso, terán unha boa base de partida xa que, como lembrou a conselleira, son preto de 20 as políticas e iniciativas impulsadas pola Xunta que van na liña marcada pola ONU. A modo de exemplo, Ángeles Vázquez referiuse a dous proxectos importantes nos que está a traballar o seu departamento: a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, chamada a ser a folla de ruta da Xunta para afrontar este fenómeno global; e a Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia, que busca deseñar e planificar de forma integrada o territorio combinando a protección de servizos ecosistémicos coa mitigación e a adaptación ao cambio climático.

Na mesma liña, tamén citou outras iniciativas impulsadas por diferentes departamentos do Executivo galego como o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 liderado pola Consellería de Facenda; a Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020 para casos persoais e familiares de vulnerabilidade; ou os plans de xestión da auga, un dos recursos máis afectados polo cambio climático a consecuencia dos episodios de seca.

Estratexia Galega de Sustentabilidade Ambiental

Coa posta en marcha desta comisión interdepartamental, a Xunta dá un paso máis na liña do traballo desenvolvido nos últimos anos a nivel galego e tamén estatal. Así, Vázquez Mejuto lembrou a activa participación da Xunta no Grupo de Alto Nivel para a Axenda 2030, posto en marcha polo Goberno central co fin de coordinar a súa aplicación en todo o país, para aportar a perspectiva galega e as medidas que xa se están a adoptar.

Neste sentido, a responsable galega de Medio Ambiente referiuse á Estratexia Galega de Sustentabilidade Ambiental na que a consellería empezou a traballar en febreiro do ano pasado e da que vén de rematar a primeira fase. Nesta etapa, segundo explicou, o traballo centrouse na análise previa da situación ambiental da comunidade e en facer unha labor de diagnose para identificar os retos e oportunidades presentes nos diferentes sectores galegos.

Nestes momentos, a Consellería de Medio Ambiente está inmersa xa na segunda fase desta estratexia co fin de identificar as metas prioritarias para Galicia dentro das 169 sinaladas pola ONU, definir os indicadores de seguimento desas metas e propoñer as principais liñas de actuación para poder acadalas.

Comparte esta noticia