A Xunta somete a información pública a Estratexia galega da infraestrutura verde
A Xunta de Galicia ven de someter a información pública a Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas co obxectivo de recoller achegas e suxestións ao documento que axuden a enriquecer o seu contido. Dende onte e durante os vindeiros dous meses, a sociedade poderá coñecer o contido da Estratexia e “facer as consideracións que considere oportunas para axudar a acadar os obxectivos e metas que se propoñen nela”. A Xunta indica que a Estratexia da Unión Europea sobre biodiversidade para 2030 “recoñeceu e reforzou o desenvolvemento da infraestrutura verde como unha das ferramentas principais para o logro dos obxectivos ambientais da UE, algo que tamén se enmarca na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, polo que se converteu nunha prioridade de actuación a nivel comunitario”.
Neste sentido, a Lei de patrimonio natural de Galicia de 2019 dispuxo un prazo máximo de tres anos para que a consellería competente elaborase unha estratexia galega de infraestrutura verde. Para dar cumprimento a este mandato, Galicia deberá ter no ano 2024 unha estratexia de infraestrutura verde propia e coherente co marco normativo aprobado recentemente a nivel estatal. Unha vez se complete o trámite de información pública e se incorporen as achegas derivadas do mesmo, a Xunta estará en disposición de aprobala e de dotar á Comunidade deste instrumento un ano antes do prazo máximo previsto.
A Xunta lembra que a Unión Europea definiu a infraestrutura verde como “unha rede de zonas naturais e seminaturais e doutros elementos ambientais, planificada de forma estratéxica, deseñada e xestionada para a prestación dunha extensa gama de servizos ecosistémicos”. Neste sentido, a Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas supón un “cambio de paradigma na ordenación do territorio e un compromiso coa preservación da natureza polos beneficios que esta achega á sociedade e á sustentabilidade do planeta”.
Por outra banda, a Xunta impulsou no ano 2017 unha colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña para a elaboración dun documento de análise e cálculo dos servizos ecosistémicos, ademais da identificación dos distintos compoñentes da infraestrutura verde. Ese traballo deu como resultado as bases científico-técnicas que serviron de referente para a elaboración da Estratexia galega. Despois iniciouse un proceso de participación pública para acometer o seu deseño e redacción. No marco deste proceso (entre os anos 2017 e 2018) realizáronse 47 encontros comarcais nos que participaron 957 persoas e entidades; e encontros sectoriais dirixidos a axentes de diversa procedencia, coa implicación de 150 persoas.
Así mesmo, tamén se abriu unha rolda de consultas nas consellerías da Xunta de Galicia en dúas fases: a primeira, en 2021, na que se remitiu o borrador da Estratexia a todas as Consellerías para que no prazo de 15 días remitiran as súas posibles alegacións; e a segunda, durante este ano, para sometela á consulta dos seguintes organismos públicos: AGADER, FOGGA, Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Co sometemento agora a información pública do texto resultante deste proceso, “a Estratexia continúa a súa tramitación coa finalidade de chegar ao máximo consenso posible en torno ao documento que se aprobe definitivamente”.