A Xunta pon en valor o proxecto europeo Interlumes na loita contra os incendios
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, vén de inaugurar Pontevedra o Congreso sobre prevención, modelo forestal e usos do solo, enmarcado no proxecto europeo Interlumes, que se integra, á súa vez, no Programa Interreg VA 2014-2020 Galicia- Portugal (POCTEP). Esta iniciativa Interreg, financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), centrou a intervención do representante da Consellería do Medio Rural. Así, o director xeral puxo en valor que para financiar o proxecto (no que ademais da Xunta participan o Goberno portugués e outras institucións de Galicia, Castela e León e Estremadura) prevese un investimento total de máis de 9 millóns de euros. Nesta liña, Manuel Rodríguez lembrou que o obxectivo fundamental de Interlumes é o de “reforzar a capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais na fronteira de España e Portugal”. Explicou que, a través do proxecto, melloraranse e reforzaranse os medios existentes de prevención e extinción de incendios. Tamén se avanzará na definición dun protocolo de actuación conxunta e xestión compartida de medios e modelos de actuación na defensa contra o lume. Neste sentido, o director xeral lembrou o sometemento a información pública, o pasado día 4 de novembro, do proxecto de construción dunha base aérea no territorio fronteirizo de Verín e Chaves. Segundo Medio Rural, esta base caracterizarase pola súa “adecuación a aeronaves especializadas en extinción, tanto avións de carga en terra como helicópteros e, incluso, avións anfibios, polo que estará dotada con distintos tipos de depósitos de carga en terra”. Contará cunha superficie de 23 hectáreas e disporá dunha pista de 1.200 metros de lonxitude e 30 metros de ancho, con 15 metros a cada lado de superficie acondicionada. A base estará dotada de tanques de combustible cunha capacidade mínima de 40.000 litros e contará tamén contará cunha motobomba para un caudal mínimo superior a 350 l./min. Pola súa parte, haberá equipos de extinción compostos por tres depósitos de auga e unha rede de hidrantes. Congreso internacional en Silleda O director xeral recordou tamén a recente celebración en Silleda do Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes 2022, no que participaron expertos de Galicia, de toda España e de Portugal. Este encontro serviu para “avanzar e para reforzar a necesaria formación especializada e a coordinación operativa, co fin de mellorar a resposta na loita contra os incendios forestais na fronteira hispano-lusa”.