A Xunta notifica os dous primeiros casos en Galicia de gripe aviaria en aves silvestres
A Consellería do Medio Rural ven de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de dous casos de influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) en aves silvestres, os dous primeiros casos detectados en Galicia. Ambos foron confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid), como paso previo para o seu traslado á Comisión Europea, aos restantes Estados Membros e á Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE).
A Xunta indica que se trata de dous individuos de mascato (alcatraz común ou atlántico, Morus bassanus), no marco do Plan de Vixilancia da Influenza Aviaria que desenvolve a Xunta de Galicia. O primeiro deles foi recollido no porto de Cangas, onde chegou a bordo dun buque pesqueiro, e foi trasladado ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre (CRFS) de Carballedo (Pontevedra), adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. O segundo foi localizado nunha praia do Concello de Valdoviño, e foi trasladado ao CRFS de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña).
A Consellería do Medio Rural recorda a necesidade de “reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como de intensificar a vixilancia pasiva tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando aos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, calquera sospeita de enfermidade”.
Malia que ata o momento non hai constancia de que o subtipo de virus que durante o último ano está afectando a Europa teña capacidade zoonósica significativa, “recoméndase minimizar o contacto innecesario coas aves que mostren signos clínicos de enfermidade ou se atopen mortas no campo, usando medidas de protección en caso de ser necesario recollelas”. Ademais, a Xunta lembra que este virus non pode ser transmitido ao home a través de carne de aves cociñada, ovos ou produtos procesados derivados deles.