A Xunta “interpreta” o sentido dunha sentenza do tribunal europeo sobre o mal chamado “parón eólico” que non muda a situación
O Tribunal Europeo certifica nunha sentenza os prazos dos proxectos eólicos, que seguirán paralizados ata que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) examine cada un. A sentenza non supón un cambio substancial, segundo interpretan diversos xuristas. Pedro Brufao Curiel, profesor titular de Dereito Administrativo na Universidade de Estremadura, sostén neste sentido que “son dúas cuestións totalmente diferentes: unha cousa é a suspensión cautelar de determinados proxectos eólicos por unha suposta ou aparente vulneración da normativa en canto ao dereito dos espazos protexidos e os seus efectos, entre outros, sobre a Rede Natura 2000; e outra cousa é a cuestión procedemental relacionada co acceso á información administrativa e ambiental, é dicir, o acceso a determinados informes sectoriais que obren en poder da administración ou que o Estado solicite. Son dúas cuestións totalmente distintas”.
E ademais hai que ter en conta unha cuestión básica: “no dereito administrativo, en referencia ao medio ambiente e ao urbanismo, a adopción de medidas cautelares cando hai razón para facelo convértese nun dos piares básicos do Estado de dereito, como xa se ten dito en numerosos foros. É un principio xurídico fundamental que, sen medidas cautelares, non hai xustiza. Porque unha sentenza que chegue tarde e que declare ilegal un proxecto determinado, se este xa está executado, fai practicamente imposible restaurar a legalidade, é dicir, desmantelalo”.
Deste xeito, enténdese que o pronunciamento do tribunal europeo non repercutirá nas paralizacións cautelares dos parques eólicos decretadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, como se desprende da análise da sentenza coñecida esta mañá. Porén, foi presentada ou valorada pola Xunta como un éxito para os seus plantexamentos, coma se fose o fin das suspensións cautelares.
A XUNTA “LEVA O VENTO AO SEU MUIÑO”
A través dun comunicado, a Xunta de Galicia tratou de “mudar” o sentido que realmente di a sentenza, interpretando que o Tribunal de Xustiza da UE lle dá a razón e sostén que avala a tramitación ambiental dos proxectos eólicos realizados en Galicia nos últimos anos. Segundo a Xunta, na sentenza expóñese que “se tramitou correctamente a declaración de impacto ambiental dos parques eólicos paralizados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desde o ano 2022, xa que se aplicou a lei básica estatal (Lei 21/2013 de avaliación ambiental), que á súa vez cumpre e transpón a normativa comunitaria e que se vén empregando da mesma maneira desde 2013”.
Tamén sinalan que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia foi o primeiro en poñelo en cuestión mediante sucesivos pronunciamentos sobre as autorizacións eólicas concedidas en Galicia nos últimos anos, facendo unha interpretación propia da Directiva de avaliación de impacto ambiental do Parlamento e do Consello Europeo, que contravén (segundo a Xunta) o procedemento de información e consulta pública simultánea que implementa en aplicación da devandita normativa estatal, cando en realidade a administración galega estaba unicamente acatando a norma.
Con todo, a realidade é substancialmente distinta. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea confirma os prazos que as administracións públicas de España, incluída a Xunta, viñan empregando para xestionar as avaliacións ambientais de calquera tipo de proxecto con impacto no territorio, incluíndo os parques eólicos. A sentenza resolve unha cuestión prexudicial formulada polo TSXG, que solicitou ao tribunal europeo que aclarase se é axeitado que a Xunta expoña ao público ducias de parques eólicos antes de dispoñer de todos os informes sectoriais das diferentes administracións implicadas, que así non poden ser consultados pola cidadanía interesada en presentar alegacións.
Segundo o tribunal europeo, a normativa comunitaria “non se opón” a que as administracións e departamentos sectoriais implicados sexan consultados “ao mesmo tempo que o público interesado, sen que este último teña dereito a formular posteriormente máis alegacións sobre os ditames emitidos polas autoridades consultadas”. Así, a sentenza do Tribunal da UE avala a interpretación que sobre esta cuestión xa fixera o Tribunal Supremo español, favorable á actuación da Xunta.
Porén, isto non supón o desbloqueo dos moitos parques eólicos que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia mantén paralizados de maneira cautelar por outro motivo: o seu posible risco ambiental se comeza a súa construción antes de que a xustiza determine se a administración os autorizou correctamente.
Actualmente, en Galicia existen 92 parques eólicos afectados por algún recurso xudicial en curso, dos cales 86 xa están suspendidos: 70 deles paralizados pola prexudicialidade casacional e outros 16 por outras razóns.
Organizacións ecoloxistas como ADEGA manifestan “a súa decepción polo contido do pronunciamento do Tribunal de Luxemburgo ao impor unha interpretación da normativa comunitaria, e en particular da Directiva 2011/92/UE, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente, que menoscaba o espírito da mesma ao restrinxir os dereitos de participación da cidadanía ate convertelos nunha mera ilusión, dado que se priva a esa cidadanía da posibilidade de ter coñecemento dos informes técnicos sectoriais antes de se poder manifestar verbo de proxectos con implicacións medioambientais e socioeconómicas caracterizados pola súa complexidade técnica”. Ademais, a modo de “tranquilizar” á cidadanía, advirten que “o pronunciamento do TXUE non afectará ás paralizacións cautelares de eólicos que se teñan fundamentado nas eivas da avaliación ambiental dos proxectos”.
Xa que logo, e logo de analizadas as afirmacións recollidas, pódese concluír que: a sentencia o que fai é unha descrición pormenorizada da normativa ambiental, en particular se vulnera ou non os momentos no procedemento da participación na consulta pública. Pero non aborda outras cuestións. Non cuestiona o que respecta o procedemento despregado pola Xunta e di que non se separa do que marca a normativa, pero non afonda en máis, e manifesta claramente que as suspensións cautelares teñen a súa razón de ser. O que non se pode concluír da sentenza, e o que fai a Xunta, no comunicado: meter todo o paquete de suspensións cautelares de eólicos, que obedecen a outros motivos de vulneración ambiental (fragmentación e insuficiente avaliación), e relacionalo con esta sentencia, pois nada teñen que ver.
O que a sentenza di na realidade: https://curia.europa.eu/juris/...