Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


A Xunta iniciará a próxima semana a tramitación da primeira Lei do clima de Galicia

A Xunta de Galicia porá en marcha a vindeira semana a tramitación da primeira Lei do clima de Galicia, co inicio da consulta pública previa. Así o ven de anunciar a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha comparecencia a petición propia no Pleno do Parlamento, onde falou dos retos en materia de cambio climático. A conselleira explicou que este texto nace co obxectivo de completar o marco normativo galego para contribuír á consecución da neutralidade climática en 2050, ademais de establecer unha nova orde xeral de prioridades na política, economía, industria e mesmo na vida cotiá.

 

Ángeles Vázquez indicou que esta nova lei estará enmarcada nos obxectivos da Axenda 2030 e terá como base a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, asumindo tamén as actuacións que impulsen xa en 2030 a redución dun 55% das emisións na Unión Europea. Ademais, a conselleira destacou que a futura lei recoñecerá o clima de Galicia como “suxeito de dereito” e incluirá a preocupación da sostibilidade do sistema social galego, responsabilizando ás xeracións futuras. Isto tamén implica apostar por un sector industrial e tecnolóxico sostible, é dicir, “promover un crecemento sosegado que aposte por unha transición ordenada”.

 

Por outra banda, Vázquez salientou que a loita contra o cambio climático é unha cuestión cuxa solución precisa da implicación da sociedade. Por este motivo, este mesmo ano sairá á luz a Alianza galega polo clima, na que se espera contar coa colaboración dos axentes sociais e económicos. O primeiro paso para conseguir esta iniciativa será dispor do documento de compromiso de adhesión, que estará listo neste primeiro trimestre. Segundo a conselleira, esta alianza está pensada como unha rede de organizacións que impulsen a economía circular e melloren o medio ambiente. Ademais, estará aberta a organizacións ambientais, científicas a académicas para que aporten os seus coñecementos na mellora das prácticas medioambientais. A conselleira temén adiantou que o Consello da Xunta desta semana aprobará a declaración ante a emerxencia climática na comunidade.

 

A Xunta de Galicia, segundo a conselleira, leva anos actuando baixo a premisa de que Galicia é parte da solución ao problema do cambio climático: “Unha senda na que se avanzan pasos seguros, tal e como demostra a redución das emisións de gases efecto invernadoiro nun 23,8%, respecto de 1990”. Tamén lembrou que a solución ao cambio climático esixe unha resposta conxunta, onde “os concellos teñen moito que dicir e aportar”. Por este motivo, a Xunta asumiu o papel de coordinadora do Pacto das alcaldías polo clima e enerxía, ao que hoxe están adheridos 278 concellos. Por último, indicou que a Administración está abordando os traballos para coñecer a pegada de carbono dos edificios públicos autonómicos; e que a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, cuxo primeiro plan operativo contempla 171 medidas e un investimento de 1.280 millóns de euros entre 2019 e 2023, está en constante revisión e actualización.

Comparte esta noticia