A Xunta indica que os galegos reciclaron en 2021 medio quilo máis de envases de vidro
A Xunta de Galicia ven de confirmar que cada cidadán galego depositou nun iglú verde medio quilo máis de envases de vidro, ata acadar unha media de 18,8 quilos en 2021 ou 64 envases, por enriba da media nacional. Trátase dun balance adiantado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que (xunto á directora de Operacións, Finanzas e Servizos de Ecovidrio, Ana Cardona) ofreceu unha rolda de prensa na que se informou que o ano 2021 péchase coa recollida selectiva de 50.732 toneladas de vidro (un 2,7% máis respecto do ano anterior). A conselleira destacou os rexistros de Santiago de Compostela, onde se incrementou nun 13% a recollida selectiva, é dicir, 21,6% quilos por habitante (unha media de 74 envases por veciño).
Vázquez indicou que isto é posible grazas á sensibilización da sociedade galega e á rede de contedores verdes, formada por 17.373 iglús verdes que deron acollida aos máis de 190.000 envases depositados cada día. Ademais, lembrou que a esta cifra hai que engadir as case 13.000 toneladas da bolsa negra nas plantas de tratamento que non foron separadas correctamente en orixe, pero se reincorporan no ciclo produtivo para a fabricación de novos envases.
Por outra banda, a conselleira quixo salientar o compromiso dos establecementos galegos do canal Horeca (hostalería, restauración e catering), que en 2021 foron 5.105 empresas, máis do dobre que no ano anterior. Tamén recordou que parte dos resultados residen na mellora das infraestruturas para facilitar a separación e reciclaxe de envases de vidro, coa entrega de 1.122 cubos especiais e a instalación de contedores especiais.
Para concluír, a conselleira de Medio Ambiente lembrou que a ONU declarou o ano 2022 como o Ano internacional do vidro, polo papel que este material xogou no desenvolvemento da humanidade, sendo hoxe un elemento esencial en diversos sectores. Vázaquez afirmou que o vidro é un material natural el reciclable de envase a envase e que as cifras do ano pasado indican que se evitou a extracción de 76.400 toneladas de materias primas. Ademais, evitouse a emisión dunhas 37.000 toneladas de CO2 a atmosfera.