A Xunta impulsa unha lei que recorta controis ambientais e facilita a “vía rápida” para proxectos industriais e eólicos
A Xunta de Galicia quere reformular por completo o sistema de avaliación e autorización ambiental vixente a través do proxecto de Lei de Administración Ambiental Simplificada. A iniciativa chega nun momento no que o Executivo defende a necesidade de “reducir cargas administrativas” e axilizar a tramitación de proxectos industriais e enerxéticos, ao tempo que deixa atrás a Lei 1/1995 de Protección Ambiental, que durante tres décadas actuou como marco básico da regulación ambiental galega.
O propio nome da nova lei chamou a atención entre colectivos ecoloxistas e expertos en dereito ambiental, que destacan o que consideran un cambio de paradigma: a substitución da idea de protección ambiental polo concepto de administración do ambiente. Segundo organizacións como ADEGA, a formulación implica unha mudanza no enfoque da política pública e unha confesión das prioridades dun Goberno que, durante anos, apostou pola simplificación dos controis ambientais. A nova norma aspira a concentrar nun único texto procedementos dispersos e criterios de avaliación que, ata agora, se atopaban repartidos en múltiples leis sectoriais e modificacións acumuladas co paso dos anos.
A proposta chega tras unha etapa marcada polas reformas impulsadas por Alberto Núñez Feijóo e que Alfonso Rueda está a un paso de culminar convertendo á Administración autonómica nun “portelo de expedición de permisos” para actividades industriais e proxectos estratéxicos.
Unificación de procedementos e creación dunha AAI simplificada
O proxecto de lei integra e reformula diversos procedementos de avaliación existentes: a Autorización Ambiental Integrada (AAI), a Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE), a Avaliación de Impacto Ambiental (AIA) e o Informe de Incidencia Ambiental (IIA). Xunto a esta reorganización, a norma incorpora e modifica preceptos doutras leis recentes como a de competitividade (9/2013), a coñecida como lei de “depredación” (5/2017) ou a Lei 9/2021 de simplificación administrativa. Tamén afecta á Lei de Patrimonio Natural de 2019 e ao Plan Director da Rede Natura 2000.
Entre as novidades figura a creación da Autorización Ambiental Integrada Simplificada, dirixida a instalacións industriais “de menor impacto”, segundo a definición do propio texto. Aplicarase a proxectos que non requiran unha AAI ordinaria pero que precisen de dúas ou máis autorizacións sectoriais (como emisións á atmosfera, xestión de gases de efecto invernadoiro, tratamento de residuos ou verteduras), ou que combinen unha autorización sectorial cunha AIA.
Esta modalidade simplificada implica cambios substanciais nos procesos de participación pública. Só aqueles proxectos que precisen autorización de verteduras ou deban someterse a avaliación de impacto ambiental terán obrigatoriamente un período de información pública de 20 días, e a documentación non será publicada nas sedes electrónicas dos concellos afectados.
Reconfiguración da tramitación pública e impulso ás entidades privadas colaboradoras
A lei establecería un trámite único de información pública para todas as autorizacións ambientais, incluídos os Proxectos Industriais Estratéxicos (PIE), a AAI ordinaria, as avaliacións ambientais estratéxicas e a propia AIA. Entre as modificacións figura a esixencia de que a solicitude para ser considerado “persoa interesada” nas alegacións inclúa documentación xustificativa desde o primeiro momento, endurecendo o acceso formal á participación.
A Xunta fixa un prazo máximo de tres meses para resolver estes procedementos (45 días no caso dos PIE), reducíndoo aínda máis cando interveñan as chamadas entidades de colaboración ambiental, figuras privadas que adquirirán un papel central nas tramitacións. Organizacións ecoloxistas e parte da oposición consideran que isto supón unha “privatización encuberta” das funcións públicas de control e avaliación ambiental, xerando diferenzas entre os proxectos que acudan a estas entidades e os que non o fagan.
Impacto na autonomía municipal
Outra das cuestións que provocou reacción entre corporacións locais é a redefinición das competencias municipais. De aprobarse, a nova lei eliminaría a obriga dos concellos de emitir informe de compatibilidade urbanística para os proxectos industriais estratéxicos, ao tempo que lles asigna o seguimento das actividades sometidas a AAI cando estas vertan á rede municipal, mesmo cando non son da súa competencia directa. Desta forma, non terán que informar sobre a compatibilidade dos PIE co PXOM.
Algunhas alcaldías advertiron do risco de sobrecargar aos concellos con tarefas para as que, nalgúns casos, non dispoñen de medios técnicos nin humanos, mentres perden capacidade de control sobre o impacto urbanístico dos grandes proxectos industriais.
Aceleración dos proxectos renovables e cambios na Rede Natura 2000
Entre as disposicións adicionais, incorporaríanse mecanismos para acelerar proxectos de enerxías renovables en liña coa Directiva (UE) 2018/2001. O texto prevé a exención da avaliación ambiental para proxectos eólicos, hidroeléctricos, de produción eléctrica e de transporte de enerxía, así como para depósitos de gases combustibles e produtos petroquímicos. Esta exención esténdese ás modificacións de proxectos xa autorizados ou en execución.
A norma permitiría que estes proxectos poidan quedar fóra das esixencias das Directivas 2011/92/UE e 92/43/CEE, relativas á avaliación ambiental e á protección de hábitats, sempre que antes se aprobe un plan de designación das chamadas zonas de aceleración renovable e este sexa sometido a avaliación ambiental estratéxica.
A Disposición final terceira modificaría, ademais, o Plan Director da Rede Natura 2000 para levantar a prohibición das liñas de evacuación eléctrica en áreas protexidas cando estean vinculadas a proxectos eólicos, hidroeléctricos ou fotovoltaicos.
Unha reforma enmarcada na tendencia desreguladora internacional
Organizacións ambientais salientan que a proposta galega se inscribe nunha vaga internacional de flexibilización das normas ambientais, un movemento que identifican coas políticas extractivistas e desreguladoras asociadas a correntes conservadoras globais. A tramitación parlamentaria da lei comezará nas vindeiras semanas, cun amplo debate previsto entre sectores industriais, entidades ecoloxistas, expertos en dereito administrativo e administracións locais.