Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


A Xunta detecta tres novos casos de gripe aviaria en mascatos

A Consellería do Medio Rural ven de comunicar a detección doutros tres casos de influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) en aves silvestres, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). Con estes son dez os casos detectados en Galicia, todos eles en mascatos. Trátase de individuos desta especie (Morus bassanus), recollidos na praia de Raeiros (O Grove, Pontevedra), na praia de Razo (Carballo, A Coruña) e no porto de Cabanas (Muros, A Coruña), no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve a Xunta de Galicia. Os mascatos foron trasladados aos respectivos Centros de recuperación de fauna silvestre de Carballedo (Pontevedra), no primeiro caso, e de Oleiros (A Coruña), nos outros dous, onde se tomaron as mostras. Todas as aves foron sacrificadas.

Medio Rural lembra que “o mascato é unha ave mariña que nidifica no Atlántico norte, formando colonias de varios miles de parellas, e do que moitos exemplares mozos migran cara ao sur e acadan augas subtropicais ou tropicais no oeste de África. Polo tanto, nestes momentos, estas aves están atravesando as costas da Península Ibérica no comezo do seu paso migratorio post-nupcial cara a Mauritania e o Golfo de Guinea”. Nas súas zonas habituais de residencia no Atlántico norte, as autoridades veterinarias “veñen notificando numerosos casos de IAAP nesta especie, posible orixe dos casos detectados agora en Galicia, relacionados coa migración anual destas aves cara o sur”.

Malia que os exemplares da especie afectada son de hábitos exclusivamente mariños e non se aproximan en condicións normais á costa, a Consellería do Medio Rural recorda a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, así como de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres. Aínda que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, “recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda”.

Medidas de prevención vixentes

As medidas de prevención actuais de gripe aviaria en Galicia, segundo datos da Consellería de Medio Rural, divídense en dous casos: os concellos localizados en na Zona de Especial Risco e o resto de concellos galegos.

En canto aos concellos que están localizados na Zona de Especial Risco (A Illa de Arousa, Cambados, Meaño, O Grove, Sanxenxo, Ribadumia e, Vilanova de Arousa, todos na provincia de Pontevedra): continúa prohibida a cría de aves ao aire libre; continúa prohibido o uso de reclamos de caza con aves do tipo anátidas e charadriiformes; continúa prohibida a cría de parrulos, ocas e gansos xunto con outras especies de aves de curral; continúa prohibido darlles ás aves de curral auga procedente de depósitos superficiais, fontes ou outras orixes ás que puideran ter accedido aves silvestres, ao non ser que a auga sufrira un tratamento de hixienización que garantira a inactivación de posibles virus da influenza aviaria; deben continuar protexidos os depósitos de auga de subministración para as aves domésticas que puidera haber no exterior; e continúan prohibidas as concentracións de aves de calquera tipo.

No resto de concellos de Galicia continúa prohibida a presenza de aves de curral domésticas nos centros de concentración (aínda así pódense autorizar estas concentracións de aves domésticas no caso de que os Servizos Veterinarios Oficiais efectuaran unha avaliación do risco con resultado favorable); e continúa sendo obrigatoria a inscrición de todas as explotacións nas que se críen ou manteñen aves de curral, produtoras ou reprodutoras, para calquera tipo de produción.

Comparte esta noticia