Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


A Xunta aproba o proxecto de lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga

O Consello da Xunta ven de aprobar o proxecto de lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga co obxectivo de mellorar a prestación dos servizos públicos relacionados co ciclo integral da auga e poñer á disposición dos concellos un sistema voluntario que garanta unha xestión profesional e de calidade. Deste xeito, créase un marco normativo para acadar unha “mellor xestión das infraestruturas de abastecemento e saneamento e uns servizos de calidade en todos os concellos de Galicia, buscando un uso racional dos recursos hídricos, o aforro de auga e a optimización do funcionamento das redes de saneamento, co fin de mellorar a depuración das augas residuais e previr a contaminación”. Ademais, a través desta lei, ofrécese un modelo de adhesión voluntaria para os concellos que teñan dificultades para acadar por si mesmos estas melloras na xestión.

 

A Xunta considera necesario avanzar neste novo modelo para axudar as entidades locais que así o soliciten ante as dificultades que teñen moitos municipios para prestar axeitadamente e con eficacia estes servizos municipais. “A Comunidade galega experimentou un salto cualitativo na extensión territorial dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración, ao cal contribuíu, en gran medida, a mobilización por parte da Xunta de máis de 1.100 millóns de euros desde 2009 na execución de obras e infraestruturas hidráulicas en apoio aos municipios no exercicio das súas competencias”. Segundo a Xunta, estas intervencións e investimentos incidiron na mellora dos indicadores da calidade das augas e no nivel de cumprimento das normativas comunitarias.

 

Xestión profesionalizada e economías de escala

 

O novo marco regulatorio que impulsa a Xunta aposta pola integración de servizos e pola xestión profesionalizada e especializada das infraestruturas e servizos asociados. Ademais, apostarase pola xestión agrupada das infraestruturas e a aplicación de economías de escala, que implica menores custos derivados da optimización de materiais, equipos e persoal, permitindo aforros do 10 %.

 

Regular o apoio aos concellos

 

En Galicia conviven actualmente distintos modelos de xestión da auga, desde a xestión municipal dos propios sistemas; consorcios, mancomunidades e sociedades supramuniciais, a depuradoras que son xestionadas directamente por Augas de Galicia, como axuda aos concellos nas súas competencias municipais, 28 na actualidade. O novo modelo regula o apoio da Xunta aos concellos, dándolles a oportunidade a todos aqueles que así o soliciten, de encomendar a xestión dos seus servizos á Xunta. A lei tamén ofrece a posibilidade de estender ese apoio para xestionar as depuradoras, pero tamén os colectores, algo que ata agora non era posible, e os sistemas de abastecemento “en alta”.

 

Polo tanto, a nova norma implica igualdade de trato a todos os municipios, cun modelo único e prezos homoxéneos e xustos no conxunto da Comunidade. Neste sentido, a lei está en liña co Pacto local da auga asinado coa FEGAMP, coa participación activa dos concellos e das deputacións provinciais, para o impulso dun instrumento público e integral de todo o ciclo da auga.

 

Apoio económico da Xunta para o financiamento das actuacións necesarias

 

Naqueles concellos que soliciten que a Xunta asuma a xestión dun dos seus sistemas do ciclo da auga, a Administración autonómica realizará unha auditoría completa do sistema. No caso de que se estime necesario executar determinadas obras, a Xunta financiará un terzo do custo das actuacións necesarias. Con carácter xeral, os concellos deberán achegar o outro terzo dos investimentos necesarios. En prol de facilitar os acordos e ofrecer unha maior flexibilidade, déixase aberta a fórmula para o resto do financiamento e os concellos serán os encargados de buscar ese outro terzo restante no momento da sinatura dos acordos. Deste xeito, os concellos poderán decidir se eles mesmos financian ese outro terzo da actuación ou se acadan o apoio doutras administracións.

 

Reordenación dos tributos existentes

 

Aa lei reordena os tributos existentes, cunha denominación máis acorde ao seu obxecto, pero sen crear novas taxas que repercutan nos usuarios, preservando e garantindo a potestade tributaria dos municipios. Isto responde ao fin de garantir a viabilidade económica e financeira na xestión da auga e permitir a recuperación dos custos dos servizos, garantindo a súa viabilidade e a aplicación dos principios de “quen usa, paga” e “quen contamina, paga”. Deste xeito, non se afectan as tarifas municipais e os concellos son os que teñen e seguirán a ter capacidade de decisión sobre o recibo final dos seus servizos municipais, entre eles, o recibo da auga.

 

Tramitación da lei

 

O anteproxecto foi sometido ao trámite de consulta pública e audiencia, publicouse no portal de transparencia e goberno aberto da administración autonómica e foi remitido a todas as administracións, corporacións e entidades interesadas, ampliándose ata en dúas ocasións o período de consultas públicas. Durante a tramitación do texto normativo emitíronse os informes preceptivos, o Consello Reitor de Augas de Galicia foi informado sobre o texto do anteproxecto de lei, que tamén foi obxecto do ditame preceptivo do Consello Económico e Social de Galicia, emitido por maioría absoluta e sen votos en contra. Tras recibir o visto e prace do Consello da Xunta, o proxecto de lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga inicia agora o seu trámite parlamentario co obxectivo de que poida entrar en vigor o vindeiro verán.

Comparte esta noticia